Nova: López Campos celebra o “bo momento e a situación de estabilidade” que atravesa o sector cultural galego
14/11/2024
López Campos celebra o “bo momento e a situación de estabilidade” que atravesa o sector cultural galego
Destaca do estudo “a tendencia positiva na xeración de emprego no sector e na creación de empresas, demostrando o gran nivel acadado por esta industria”
Incide, ademais, en que “a Comunidade medra como destino de turismo cultural, amosando o bo facer pola conservación e difusión da nosa riqueza patrimonial”
Neste senso, gabou o traballo de institucións “de relevancia para a preservación da nosa historia e identidade” como é o Arquivo situado na Coruña
A Coruña, 14 de novembro de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou esta mañá “o bo momento e a situación de estabilidade que atravesamos en Galicia no que se refire ao sector cultural, clave na nosa Comunidade”. Así o afirmou durante a visita realizada, xunto coa delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, ao Arquivo do Reino de Galicia, unha institución á que gabou polo “seu traballo tan relevante para a preservación da nosa historia e identidade”.
Así, o representante da Xunta analizou durante o seu percorrido as conclusións do oitavo informe de conxuntura que acaba de publicar o Observatorio da Cultura Galega. Neste senso, afirmou que “vén corroborar a tendencia positiva na xeración de emprego no sector e na creación de empresas”, puntualizando que os datos “demostran o gran nivel acadado nos últimos anos por esta industria en Galicia, que non deixamos de pór en valor”.
Referiuse así López Campos á cifra de 36.800 persoas empregadas no eido cultural en 2024 e na creación de 135 entidades neste ámbito, reflectidas no estudo do Consello da Cultura Galega, seguindo na liña do ano pasado. Un datos que apuntan, ademais, a un aumento no gasto das familias, ata os 500M€ no 2023, que se centra no que ten que ver con entradas a espectáculos, o acceso a servizos culturais e a compra de libros.
Neste último aspecto, o responsable de Cultura do Goberno galego tamén destacou “a vitalidade do sector editorial cunha gran evolución na produción de libros” que, con case 3.000 rexistros en 2023, acada a mellor cifra desde 2011 e sobe nun 44,2% respecto a 2019. Con este escenario, quixo lembrar a aposta do seu departamento por incrementar os índices lectores entre a poboación, para o que “mobilizamos 27 M€ nos orzamentos para desenvolver o Plan de Lectura de Galicia co horizonte de 2030”.
Galicia, destino turístico cultural
Da análise tamén se desprende que Galicia se afianza como un importante destino de turismo cultural en España, con máis de 700.000 viaxes realizas con esta motivación a territorio galego. Un crecemento que o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude sitúa na “ gran calidade da nosa oferta cultural por un lado, como vimos de indicar, cun sector en auxe, e tamén polo bo facer a prol da conservación e difusión dos nosos bens culturais e a nosa riqueza patrimonial”. Un bo exemplo desa implicación da Administración autonómica coa preservación da cultura, son institucións como a que hoxe visitou, o Arquivo do Reino de Galicia, xestionado pola Xunta.