Nova: Anxo M. Lorenzo pon en valor a Lei de museos no impulso do sector ao longo destes catro anos de vixencia

14/11/2024

Anxo M. Lorenzo pon en valor a Lei de museos no impulso do sector ao longo destes catro anos de vixencia

As xuntanzas pretenden analizar o impacto da norma a través das experiencias das entidades

Un dos principais fitos é a creación do Sistema Galego de Centros Museísticos do que forman parte 89 centros, 69 museos e 20 coleccións museográficas

O representante da Xunta celebra os datos publicados polo Consello da Cultura Galega no que se reflicte o bo momento do sector

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na Cidade da Cultura a Xornada de Museos de Galicia, na que se analiza o impacto da Lei galega de museos a través das experiencias das entidades. Trátase dun foro de debate no que puxo en valor o impulso que deu ao sector esta norma que leva vixente catro anos e no que participan diversos representantes dos centros galegos.

No marco desta xuntanza, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, destacou que estas xornadas están pensadas para manter un diálogo activo entre o Goberno galego e as entidades que forman parte da rede de museos creada grazas a esta norma. Deste xeito, Anxo M. Lorenzo agradeceu a asistencia a todos os representantes das entidades expositivas e salientou o interese que xeraron estas charlas, que contan con máis dun cento de persoas asistentes.

Neste senso, o director xeral de Cultura puxo en valor o impulso para o sector que supuxo a chegada desta lei e fomentar o papel destes centros como xeradores de coñecemento e de riqueza. Así, sinalou que un dos principais fitos foi a posta en marcha do Sistema Galego de Centros Museísticos do que forman parte na actualidade un total de 89 centros, dos que 69 son museos e 20 son coleccións museográficas e que ofrece vantaxes para as institucións, xa poden acadar axudas públicas, asesoramento técnico e potenciar a súa divulgación a través do portal de Museos de Galicia.

Por outro lado, Anxo M. Lorenzo celebrou os datos publicados no informe do Consello da Cultura Galega e que reflicten  o bo momento que está a vivir a nosa cultura, que conta cunha ampla oferta de lecer para todos os públicos e que se ve reflexado no aumento do gasto das familias en produtos e servizos deste ámbito, como indica o devandito documento. 

Ampla participación

As xuntanzas, que se desenvolveron ao longo da mañá, fan un percorrido polos principais fitos que trouxo consigo esta norma, como a seguridade xurídica, a normalización de procedementos, a creación do sistema de museos galegos ou o desenvolvemento de liñas de subvencións específicas dirixidas aos centros que forman parte deste organismo, entre outras cuestións.

Ademais tamén incidiron no traballo que ten en marcha a consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vinculado coa lei, como o desenvolvemento dos procedementos de creación, modificación e disolución de centros museísticos ou o enfoque máis inclusivo das axudas ao sector para o 2025. Deste xeito, estas xornadas buscan recompilar as experiencias e afondar nas dificultades das entidades do sector para a consecución dun sector máis profesional, máis inclusivo, con maior proxección, visibilidade e, polo tanto maior prestixio.

Comparte