Nova: A Xunta e a Residencia Literaria 186 convocan unha nova estadía de tradución para autores estranxeiros

16/11/2024

A Xunta e a Residencia Literaria 186 convocan unha nova estadía de tradución para autores estranxeiros

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca con esta iniciativa contribuír á proxección exterior ao facilitar a tradución de obras en galego a outros idiomas

As persoas interesadas en presentarse a V edición de Residencia Xacobea poderán enviar as súas candidaturas ata o 15 de decembro

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2024.- A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Residencia Literaria 1863 da Coruña veñen de convocar a V Residencia Xacobeo para persoas tradutoras de literatura galega, co obxectivo de estimular e promocionar a tradución de obras literarias en galego, así como impulsar as letras galegas no exterior.

Esta quinta convocatoria é unha nova oportunidade para que un tradutor ou tradutora literaria que proxecte verter unha obra orixinalmente escrita en galego a calquera lingua do mundo poida facelo nunhas condicións de excelencia e mergullándose da cultura que as viu xermolar. Deste xeito, as persoas interesadas en presentar os seus proxectos deben facelo antes do 15 de decembro, data na que se pecha o prazo da convocatoria.

O tradutor ou tradutora que se beneficiará desta estadía, da que desfrutaron nas anteriores edicións os estadounidenses Arvis Viguls, Jacob Rogers e Kathleen March, e o letón Arvis Viguls, aspirarán a unha estadía na Coruña durante todo o mes de marzo de 2025. Contará co aloxamento na Residencia Literaria 1863, un apartamento do século XIX en pleno casco histórico, con vistas á dársena e todas as comodidades, o que favorece a concentración no traballo.

Estadía na Coruña

Ademais, o gañador ou gañadora terá cuberto o billete aéreo desde o seu país e unhas dietas para gastos básicos, así como acceso prioritario a museos, bibliotecas, concertos, encontros literarios, obras de teatro e outros eventos nunha cidade que conta cunha rica e diversa vida cultural. O tradutor, se o desexa, terá a oportunidade de ofrecer un encontro público de mostra do seu traballo en Galicia.

 

Poderá concorrer á convocatoria Residencia Xacobeo calquera persoa tradutora, maior de 18 anos, de obras de literatura en galego, en calquera xénero literario e para calquera lingua do mundo. Os aspirantes só poderán presentar un único proxecto de tradución literaria e poden ter acceso a máis información sobre os detalles da convocatoria no portal cultura.gal

Esta colaboración entre Xunta de Galicia e Residencia Literaria 1863 pretende incentivar así o delicado e minucioso labor da tradución literaria, o intercambio internacional e o traslado de obras da literatura galega para outros idiomas e sistemas literarios, facéndoo desde o mesmo contexto cultural onde foran creadas.

Reforzo da proxección exterior das letras galegas

A Residencia Xacobeo é unha das primeiras residencias anuais que lanza a Xunta de Galicia, que se complementará cunha convocatoria para que poetas galegos poidan viaxar a Irlanda ao Centro Tyrone Guthrie de Annaghmakerrig.

 

Con este programa de intercambio literario e con outras propostas que se promoverán ao longo do vindeiro ano, a Consellería de Cultura reforza a proxección exterior das letras galegas e a promoción da nosa cultura e dos nosos creadores.

 

Comparte