Nova: A Xunta pon en valor a importancia dos vínculos coa lusofonía na presentación do festival ‘aRi(T)mar’
18/11/2024
A Xunta pon en valor a importancia dos vínculos coa lusofonía na presentación do festival ‘aRi(T)mar’
A cita, que conta co apoio da Xunta, celébrase o 22 de novembro coa entrega do premio á mellor música do ano 2023 ao grupo De Ninghures
Na categoría musical de Portugal é galardoado o grupo Os Quatro e Meia e, na de poesía, son recoñecidas Silvia Penas e Silvia Mota
O Premio Especial do Xurado recae na Sociedade Cultural e Deportiva do Condado
A cerimonia de entrega terá lugar no Auditorio de Galicia e a entrada será de balde ata completar a cabida
Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2024
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na rolda de prensa na que se anunciaron os detalles da Gala aRi(T)mar de música e poesía galego-portuguesas que, coa colaboración da Xunta, reunirá o vindeiro venres 22 de novembro no Auditorio de Galicia aos galardoados e galardoadas nesta novena edición.
No marco desta presentación, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor a importancia de fomentar os vínculos coa lusofonía e destacou as relacións entre Galicia e Portugal, “co cal nos mantemos preto tanto pola cultura como polas nosas linguas”. Neste senso, valorou o traballo conxunto a prol de manter esta colaboración mediante a promoción de festivais ou outras actividades que potencien estas conexións.
Valentín García sinalou tamén a importancia de contar con músicas de todos os xéneros e estilos en galego e portugués, en especial con propostas que chegan e que gustan a un público mozo. Así, fixo fincapé no apoio do Goberno galego a esta industria “que non deixa de medrar” e, ademais, gabou ao grupo gañador De Ninghures, pola súa participación activa no proceso de normalización lingüística a través das súas propostas musicais “que están chegando a milleiros de oíntes”.
Na novena edición desta cerimonia o grupo De Ninghures, composto por Manuel Fernández, Manuel Lucas Tomé, Adrián Méndez, Marta Álvarez, Aldara Palmeiro e Hadrián García, recollerá o Premio á Mellor música do ano 2023 en Galicia por Morena. No caso do grupo de Coimbra, Os Quatro e Meia, dos artistas João Cristóvão, Mário Ferreira, Pedro Figueiredo, Ricardo Almeida, Rui Marques e Tiago Nogueira, recibirán o galardón á Mellor música do ano en Portugal polo seu tema Na escola.
Na categoría de poesía, recibirán os seus respectivos galardóns polas mellores creacións do 2023 á poeta e docente viguesa Silvia Penas, polo poema Canto segundo para un fillo non nado, e a poeta, pintora e ilustradora nada en Braga, Silvia Mota pola composición Há mulheres que trazem...
A gala, que estará conducida por Chévere, contará ademais coas actuacións dos premiados na categoría musical. A entrada será de balde e sen necesidade de reserva previa para todas as persoas interesadas en asistir a esta cita cultural o vindeiro 22 de outubro ás 20,30 horas no Auditorio de Galicia.
Para fortalecer os vínculos lusófonos
aRi(T)mar Galiza e Portugal é un proxecto didáctico-cultural desenvolvido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais para achegar mutuamente a cultura e a lingua de ambas rexións, no marco do fortalecemento dos vínculos coa lusofonía e na promoción do ensino do portugués.