Nova: Labores de recuperación e conservación no castro de Baroña

29/04/2015

Labores de recuperación e conservación no castro de Baroña

Estas actuacións de preto de 72.000 euros responden ao compromiso de Cultura de velar e poñer en valor o conxunto do patrimonio arqueolóxico de Galicia

  • Cultura inviste preto de 72.000 euros nas labores de recuperación e conservación Cultura inviste preto de 72.000 euros nas labores de recuperación e conservación do Castro de Baroña

Santiago, 29 de abril de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou hai uns días os labores de plena recuperación e posta en valor do castro de Baroña (Porto do Son), que supoñen un investimento de preto de 72.000 euros.

Segundo explicou o conselleiro Román Rodríguez ante o pleno do Parlamento, trátase dunha intervención arqueolóxica de carácter preventivo que “repercutirá de forma efectiva na mellor garantía da protección e conservación deste ben sobranceiro do noso patrimonio”, así como na “total seguridade do propio ben e dos seus moitos visitantes”

Estes traballos - agora en plena execución e que está previsto que rematen nuns meses- abranguen o acondicionamento e consolidación das estruturas da muralla e do recinto principal, no seu sector Norte, co fin de evitar posibles derrubas e previr eventuais danos estruturais ou persoais de calquera clase que se puideran producir. Os labores realizados están ofrecendo xa unha importante información sobre a evolución construtiva deste asentamento. “Son achados moi reveladores, que permiten descubrir a que é a muralla orixinal, labores aos que seguirán novas fases de escavación e, finalmente, de consolidación”, avanzou o conselleiro.

Román Rodríguez asegurou que este proxecto ratifica o compromiso do Goberno da Xunta coa preservación e posta en valor do conxunto do patrimonio arqueolóxico de Galicia. No que atinxe ao castro de Baroña, lembrou que foi o actual Goberno o que o declarou Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de zona arqueolóxica en 2011 e quen, en 2010 e “tras 14 anos sen actuacións arqueolóxicas no contorno deste Ben”, iniciou un estudo sobre o estado real de conservación do asentamento que serviu de base para as actuacións que agora se promoven.

 

Comparte