Nova: A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra continúan en Vigo as reunións para enriquecer o Plan de usos do Teatro Cine Fraga

18/11/2024

A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra continúan en Vigo as reunións para enriquecer o Plan de usos do Teatro Cine Fraga

Representantes do Goberno galego e da institución provincial escoitan de primeira man ideas e suxestións de entidades culturais vencelladas con festivais, a edición e a literatura

Vigo, 18 de novembro de 2024

A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra reuníronse a tarde de hoxe en Vigo con diferentes representantes de entidades culturais, dentro da liña de traballo aberta para a recollida de propostas e suxestións que permitan enriquecer o Plan de usos do Teatro Cine Fraga de Vigo.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a vicepresidenta da institución provincial, Luisa Sánchez, escoitaron de primeira man as ideas e iniciativas para este edificio emblemático da cidade olívica con representantes culturais vencellados coa organización de festivais, coa edición e con fundacións culturais.

As súas achegas súmanse ás que se levan recibindo desde principios de setembro nas reunións con colectivos e entidades do sector cultural de diferentes eidos que, segundo valorou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, están aportando “valiosas achegas” para enriquecer o deseño “do chamado a ser un centro cultural pioneiro e referente na Comunidade galega e no noroeste peninsular”.

Comparte