Nova: López Campos celebra que Galicia marca o camiño en España e Europa en materia de inclusividade e accesibilidade coa aprobación da nova Lei de Cultura

19/11/2024

López Campos celebra que Galicia marca o camiño en España e Europa en materia de inclusividade e accesibilidade coa aprobación da nova Lei de Cultura

O responsable de Cultura da Xunta pon en valor o “grande avance” que suporá nestes eidos ao “rachar con barreiras físicas, cognitivas, sociais ou territoriais” 

Destaca que se trata dunha “lei pioneira” dialogada co sector, que suporá todo “un fito” no desenvolvemento e aplicación de medidas para o acceso universal á cultura

Lembra que o Goberno galego xa leva tempo traballando nesta senda con programas como ‘CulturON’, ‘A Furgoteca’ ou a Rede Adival, que se creará este ano

Santiago de Compostela, 19 de novembro 2024

O conselleiro de Cultura,  Lingua e Xuventude, José López Campos, celebrou hoxe que “Galicia marque o camiño en España e Europa” en materia de inclusividade e accesibilidade coa nova Lei de Cultura aprobada hoxe no Parlamento galego. Fíxoo durante a súa intervención no Pleno da Cámara galega tras someter a nova normativa para a súa aprobación que, segundo salientou, supón “todo un fito” ao tratarse dunha normativa “pioneira en Europa, xa que que regula por vez primeira a cultura desde a perspectiva da inclusión”, subliñou.

O responsable de Cultura da Xunta enxalzou as “grandes vantaxes” que suporán as medidas que desenvolverá esta normativa para “rachar con todo tipo de barreiras, xa sexan físicas, cognitivas, comunicativas, sociais ou territoriais”. Ao respecto, explicou a dobre vertente da norma para garantir, por unha banda, o acceso á oferta a todas as persoas “sexa cal sexa a súa situación”, e por outra, “dándolle pulo aos creadores, apoiando o talento e dándolle visibilidade a todas as persoas, especialmente a aquelas que poidan ter menos oportunidades por diversas circunstancias”, afondou.

López Campos valorou o papel desta lei para acadar o acceso universal á unha “cultura rica, plural e diversa, cun sector que goza dun gran momento”, tal e como reflicte o último informe do Observatorio da Cultura Galega, que “confirma a tendencia positiva na xeración de emprego no sector e na creación de empresas”. En concreto, salientou a cifra de 36.800 persoas empregadas no eido cultural en 2024 e a creación de 135 entidades neste ámbito, á vez que subliñou o aumento do gasto das familias, “ata os 500M€ no 2023, centrado en entradas a espectáculos, acceso a servizos culturais e a compra de libros”.

Texto dialogado co sector 

Con respecto á lei aprobada hoxe, o conselleiro fixo fincapé no feito de que sexa un texto dialogado co sector e resultado dun proceso previo de reflexión no que tiveron lugar sete mesas de traballo coa colaboración de máis de 50 entidades que versaron sobre a infancia, a igualdade, a xuventude, as persoas maiores, as institucións e as industrias culturais.

Ademais destas xuntanzas, López Campos precisou que a norma recibiu 11 achegas de distintas entidades unha vez exposta a consulta pública. A estas aportacións, indicou que se sumaron os informes perceptivos de distintos departamentos da Xunta.

Propostas inclusivas xa en marcha

Finalmente, o conselleiro lembrou que o Goberno galego xa leva tempo traballando nesta senda con varias medidas que xa están en marcha, poñendo de relevo o seu firme compromiso por ofrecer un modelo cultural adaptado a todo tipo de públicos e que chegue a toda Galicia. É o caso do  CulturON, campaña que durante este verán aglutinou un programa de actividades en máis de 200 concellos, ou da Rede Adival, que a Xunta creará este mesmo ano para dinamizar a cultura no rural galego.

Outra acción que xa responde ás premisas desta lei é A Furgoteca, o servizo de bibliotecas móbiles que funciona nos concellos do rural de Ourense e Lugo desde hai máis dun ano,  levando a lectura e outras propostas de dinamización cultural a lugares con limitacións xeográficas e que vén de sumar a terceira ruta. Asemade, é de destacar o programa Cultura no Camiño, que enche as zonas rurais dunha oferta cultural diversa e de calidade.

Ademais, entre as iniciativas en marcha atópase o sistema pioneiro de teatro inclusivo do Centro Dramático Galego no Salón Teatro, unha proposta que posibilita funcións con subtítulos ou audiodescricións ou sesións con condicións especiais para persoas sensibles á luz, o ruído ou a escuridade ou os proxectos piloto da Cidade da Cultura, nos que persoas con dificultades auditivas poden mellorar a súa experiencia nos concertos grazas a unhas mochilas vibratorias ou afondar na exposición Unha vida viquinga a través dunha audioguía en linguaxe de signos.

Comparte