Nova: A Xunta culmina as obras de restauración do Teatro da Beneficencia nas que investiu máis de 48.000 euros
19/11/2024
A Xunta culmina as obras de restauración do Teatro da Beneficencia nas que investiu máis de 48.000 euros
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Ortigueira, supervisou esta mañá o resultado dos traballos acometidos pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
As obras consistiron na aplicación dun tratamento contra as humidades, no pintado de paredes e carpinterías e na restauración do chan de madeira
Ortigueira (A Coruña), 19 de novembro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, supervisou esta mañá o resultado das obras de mellora do interior Teatro da Beneficencia nas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude investiu máis de 48.000 euros.
Os traballos, cuxo obxectivo foi o de preservar o edificio e garantir a súa axeitada habitabilidade, consistiron na aplicación de materiais illantes nas parades para combater as humidades, respectando a estética orixinal do teatro e no pintado tanto das paredes como das carpinterías do recinto, incluídos os camerinos. Segundo puido comprobar a delegada territorial, tamén se procedeu á restauración do chan de madeira ao que se lle aplicou un tratamento específico para a súa conservación.
Aneiros destacou que esta actuación se enmarca na aposta da Xunta de Galicia por “seguir mellorando as infraestruturas culturais para darlle o mellor servizo á cidadanía e que o Teatro da Beneficencia sega sendo un lugar de referencia para a cultura local”.