Nova: O Concurso de Rondallas de Vigo reunirá o 18 de xaneiro unha quincena de agrupacións
19/11/2024
O Concurso de Rondallas de Vigo reunirá o 18 de xaneiro unha quincena de agrupacións
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude presenta a sétima edición deste certame ao que a Xunta de Galicia destina 60.000€
O representante autonómico destaca o compromiso do Goberno galego con esta “cita emblemática da nosa cultura de base”
Santiago de Compostela, 19 de setembro 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou esta tarde na presentación do VII Certame de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo, que terá lugar o 18 de xaneiro coa participación de 15 agrupacións procedentes de Vigo, Mos, O Porriño, Gondomar, Nigrán e Tui, e que reunirá, tendo en conta as anteriores edicións, unhas 5.000 persoas.
Tal e como lembrou o representante do Goberno galego, a Xunta achega a esta iniciativa 60.000€ co obxectivo de “apoiar a conservación e difusión dunha tradición que forma parte da nosa cultura de base”. Neste senso, durante o acto puxo en valor “o traballo realizado por estas agrupacións tan estreitamente vinculadas co pobo”, lembrando, ademais, que foron estas formacións “as que permitiron ao longo da historia a moitas persoas ter o seu primeiro contacto coa música”. Neste senso, gabou o labor da federación que agrupa as rondallas da área viguesa “por ser punto de unión para a veciñanza e pola paixón e esforzo por manter viva esta forma de expresión de xeración a xeración”.
Neste marco, López Campos, destacou o compromiso do Executivo autonómico con “este festival emblemático que demostra o peso da cultura popular nunha cidade de vangarda como Vigo” e ao que leva destinados entre 2018 e 2024 un total de 245.000€. Así, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude aumenta en 5.000€ máis con respecto ao ano pasado a contía para a edición de 2025.
As rondallas da Área Metropolitana de Vigo, que contan con arredor de 100 compoñentes cada unha, teñen a particularidade de interpretar as súas pezas con obxectos como poden ser as cunchas e non con instrumentos de corda como é o habitual.