Nova: O Centro Dramático Galego inicia os ensaios da súa produción ‘A burra, a mesa e o pau' baixo a dirección de Lorena Conde

21/11/2024

O Centro Dramático Galego inicia os ensaios da súa produción ‘A burra, a mesa e o pau' baixo a dirección de Lorena Conde

A unidade teatral da Xunta de Galicia prepara a primeira das producións da temporada 2024-2025 cara á súa estrea a primeiros de marzo

Un elenco de 15 intérpretes, seleccionado nas audicións do mes de outubro, pon en escena un “conto de fadas dunha familia obreira galega”, segundo apunta a directora

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2024

O Centro Dramático Galego acaba de iniciar a primeira quenda de ensaios de A burra, a mesa e o pau, primeira produción propia da temporada 2024-2025, que ten prevista a súa estrea o 6 de marzo no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Con dirección e dramaturxia de Lorena Conde, o elenco de 15 intérpretes seleccionado nas audicións do pasado mes de outubro porá en escena este espectáculo, no que traballa xa xunto ao resto do equipo artístico e do persoal técnico da unidade teatral da Xunta de Galicia.

Xúlio Abonjo, Maika Aguado, Beatriz Barcia, Xosé Manuel Esperante, Andrés Giráldez, Alixa Ladson, Roberto Leal, Mario López, Pablo Loureiro, Carla Mojón, Grial Montes, Paloma Otero, Paulo Serantes, Nelu Vermouth e Arantza Villar daranlle vida sobre as táboas a esta nova proposta que, en palabras da súa directora, se presenta como “o conto de fadas dunha familia obreira galega naqueles tempos nos que era máis doado crerlle os contos ás avoas que as promesas aos patróns”.

Equipo artístico

Lorena Conde está acompañada, ademais, por María Torres Piñeiro, Carmen Casal, Montse Piñeiro e José Faro nos deseños da escenografía, iluminación, vestiario e videocreación, Amparo Martínez na coreografía e Esther Quintás na perruquería e caracterización. A música estará asinada por Cibrán Seixo e Inés Salvado Gontad, quen desenvolve tamén a asistencia de dirección.

Tras esta primeira quenda de ensaios, que se estenderá ata o 3 de decembro, o equipo retomará o traballo conxunto a partir de finais de xaneiro e ata a estrea na sede do Centro Dramático Galego, onde poderá verse do 6 de marzo ao 20 de abril.

Segundo a súa directora, o proxecto de A burra, a mesa e o pau parte da premisa de como para as persoas que viven na corda frouxa, nos límites da pobreza, “o azar, a casualidade, os eventos máxicos resultan un escape altamente atractivo para poder evadirse das  dificultades reais”. Neste sentido, o espectáculo trazará unha liña pasando por tres puntos, “unha vida de esforzos, unha esperanza inxenua e invencible en solucións máxicas e a loita obreira”.

Lorena Conde, quen asinou unha das catro dramaturxias que conformaban a produción do Centro Dramático Galego Shakespeare en Roma, regresa á compañía pública para poñerse á fronte da dirección deste espectáculo, co que continuará afondando na súa traxectoria multidisciplinar marcada polas interseccións entre as artes vivas, a literatura e as artes plásticas.

Cofundadora das compañías Matrioshka e A Feroz, nas que escribe, dirixe, actúa e realiza labores de deseño artístico, a súa traxectoria profesional esténdese tamén ás artes plásticas e á literatura, onde ten obtido numerosos recoñecementos como os premios de poesía Miguel González Garcés, Cidade de Ourense e Filomena Dato, o María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil ou o Follas Novas do Libro Galego á mellor publicación de teatro.

Comparte