Nova: Anxo M. Lorenzo pon en valor a promoción da música contemporánea en Galicia co ciclo ‘Do Audible 24’

24/11/2024

Anxo M. Lorenzo pon en valor a promoción da música contemporánea en Galicia co ciclo ‘Do Audible 24’

A iniciativa promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa colaboración de Vertixe Sonora, comeza co mexicano Ernesto Martínez

O representante do Goberno galego destaca a conexión entre disciplinas afastadas como a ciencia, a tecnoloxía, a arte ou o pensamento

A programación, de balde, ofrecerá no Museo de Belas Artes da Coruña o 1 de decembro a actuación de ‘Canto Ostinato’

Vigo, 24 de novembro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe no Museo do Mar á apertura do ciclo de concertos Do Audible 24 onde puxo en valor a promoción da música contemporánea en Galicia. Trátase dunha iniciativa que promove a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, coa colaboración de Vertixe Sonora, que abriu esta nova edición coa estrea da obra de Ernesto Martínez, Acceso múltiple por división de tempo.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor esta iniciativa que suma dous concertos e unha serie de obradoiros relacionados co minimalismo como estética musical actual. Neste senso, incidiu no impulso á escoita de música contemporánea en Galicia e no obxectivo deste evento de buscar a conexión entre disciplinas afastadas como a ciencia, a tecnoloxía, a arte ou pensamento.

Esta cita, xa consolidada, completa a ampla e diversa programación cultural galega que, tal e como sinalou Anxo M. Lorenzo, “amosa o bo momento que está a vivir”. Ademais, reflicte o compromiso do Goberno autonómico por seguir ofrecendo plans para todos os públicos e en todo o territorio. 

Esta nova edición do ciclo Do Audible abriuse coa actuación do artista mexicano, Ernesto Martínez, que tamén contou coa intervención de José Edelstein, profesor de Física Teórica da USC e investigador no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías. Así, a programación, de balde, complétase cun segundo concerto que terá lugar no Museo de Belas Artes da Coruña, o vindeiro 1 de decembro ás 12,30 horas, no que se presentará Canto Ostinato para catro teclados, a peza máis coñecida de Simeon Ten Holt, convertida en toda unha icona da música minimalista. Ao abeiro destas actuacións haberá una serie de charlas e obradoiros.

Comparte