Nova: O Foro Luso-Galego de Coprodución Audiovisual reúne no Porto máis de 50 empresas na procura de novos proxectos en común
25/11/2024
O Foro Luso-Galego de Coprodución Audiovisual reúne no Porto máis de 50 empresas na procura de novos proxectos en común
Un centenar de profesionais galegos e portugueses participaron nesta xornada, promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Portugal Film Commission no marco do festival Porto/Post/Doc
O Porto (Portugal), 25 de novembro de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou esta tarde no Foro Luso-Galego de Creatividade e Coprodución, que congregou no Porto un centenar de representantes de 52 empresas audiovisuais de Galicia e de Portugal na procura de alianzas profesionais que se materialicen en novas producións conxuntas.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Portugal Film Commision promoveron este encontro bilateral no marco do festival Porto/Post/Doc co obxectivo de continuar estreitando lazos e ampliando os proxectos conxuntos entre as industrias audiovisuais de ambos os países. Na súa intervención durante o peche desta xornada, López Campos fixo fincapé na fluidez desta colaboración, que se reflicte, por exemplo, en varias das recentes rodaxes subvencionadas pola Xunta de Galicia, como a serie Lume ou a longametraxe Onte á noite conquistei Tebas.
Impulsar as dinámicas de intercambio
O conselleiro, quen estivo acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, mantivo un encontro cos representantes do Instituto do Cinema e do Audiovisual do Ministerio de Cultura portugués para abordar posibles accións compartidas para impulsar as dinámicas de intercambio entre as empresas audiovisuais de Galicia e Portugal.
Tivo a oportunidade, así mesmo, de compartir impresións cos asistentes a este foro, que se desenvolveu durante toda a xornada de hoxe no Palácio das Artes do Porto arredor dun programa de reunións personalizadas, sesións de networking e a presentación do actual panorama de coproducións de cinema e televisión entre ambos os países.
Pola banda galega, inscribíronse no encontro 22 empresas (Abano Producións, Cósmica Producións, Cru, Danga Danga, Einibó Films, Esnatu Zinema, Ficción Producciones, Producións A Fonsagrada, Filmika Galaika, Henfunk Studio, Martela Films, Mordisco Films, Portocabo, Serea Films, Sétima Producións, Somadrome, Tamboura Films, Testaferro, Treboa Media, Walkie Talkie Films, Zeitun Film e Zuzú Cinema), no que participaron canda a unha trintena de compañías portuguesas.
Todas elas teñen acceso, así mesmo, ás restantes actividades do apartado profesional do festival Porto/Post/Doc, que teñen lugar ata o vindeiro mércores 27.