Nova: Chega a Marín ‘Circo de Pinocho’, espectáculo de carpa para público familiar creado con apoio da Xunta

26/11/2024

Chega a Marín ‘Circo de Pinocho’, espectáculo de carpa para público familiar creado con apoio da Xunta

Marín (Pontevedra), 26 de novembro de 2024

A carpa de Circo de Pinocho, o novo espectáculo da compañía galega EducaTeatro producido con apoio á creación escénica da Xunta de Galicia, abrirá as súas portas esta fin de semana en Marín para ofrecer catro funcións (venres ás 18,30 h., sábado ás 17,00 h., e domingo ás 12,00 e 17,00 h.) nas que o público de todas as idades poderá gozar desta montaxe que une a literatura clásica universal en versión galega coas artes interpretativas do xénero circense.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, desprazouse ata o barrio de Cantodarea da localidade pontevedresa, onde quedou instalada a carpa que acolleu hoxe o acto de presentación, no que tamén participaron a alcaldesa María Ramallo e parte do equipo artístico desta proposta, con Xandre Vázquez na produción e Paulo Medal como director de escena e creador musical. Despois da súa estrea en Redondela o pasado mes de setembro e do seu paso polos concellos de Mos, Gondomar, Ponteareas e Salceda de Caselas, Circo de Pinocho continuará o seu percorrido por Tomiño e Santiago de Compostela durante o Nadal.  

Comparte