Nova: A Xunta continúa en Ponteceso coas xuntanzas para informar da Rede Adival de dinamización cultural

26/11/2024

A Xunta continúa en Ponteceso coas xuntanzas para informar da Rede Adival de dinamización cultural

Trátase do quinto encontro celebrado polo Goberno galego con distintas institucións, xestores ou asociacións por todo o territorio

Anxo M. Lorenzo explica o obxectivo de “ser una ferramenta de coordinación para construír unha programación cultural máis forte en zonas rurais”

A medida vai en consonancia coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, impulsada polo Executivo autonómico e aprobada recentemente no Parlamento

Ponteceso (A Coruña), 26 de novembro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, continuou hoxe en Ponteceso a rolda de xuntanzas que, ao longo destas semanas, está a manter con xestores e industrias culturais, equipamentos museísticos, federacións, asociacións e fundacións, entre outras entidades, tanto para dar a coñecer de primeira man a Rede Adival de dinamización da cultura no rural de Galicia como para escoitar as súas propostas e suxestións.

Tal e como explicou o representante da Xunta, a iniciativa nace co obxectivo de “ser unha ferramenta de coordinación para poder construír unha programación cultural máis forte en todos os puntos da Comunidade en colaboración cos axentes implicados neste tipo de accións en zonas rurais”. Deste xeito, mantivo, “estas reunións encádranse no noso obxectivo de involucrar a todos os entes para que coñezan as vantaxes de pertencer a este circuíto e recompilar as súas inquedanzas”.

Todo isto, tal e como lembrou Anxo M. Lorenzo, vai en consonancia coa Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia, impulsada polo Executivo galego e aprobada recentemente no Parlamento co propósito, dixo, de que “o lugar de residencia, a idade, ou calquera outra cuestión, non sexan un condicionante á hora de poder gozar da mellor oferta cultural”.

Con este novo paso, desde a  Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continúase a avanzar de cara a contar nos vindeiros meses co documento no que quede definido o organigrama da Rede Adival, que se concibe como unha asociación de carácter voluntario que aglutinará a entidades sen ánimo de lucro e que suporá, subliñou o responsable da área de Cultura da Xunta, un “importante impacto para a poboación que vive fóra das áreas urbanas ampliando as súas oportunidades na programación no eido da cultura”.

Liñas de actuación

A posta en marcha da iniciativa persegue ampliar a oferta cultural en todo o territorio, ademais de favorecer a diversidade de propostas e o intercambio rural-urbano. Así, entre as súas liñas de actuación figura o deseño dunha programación cultural propia, na que se contemple a itinerancia de ciclos polas entidades adheridas.

Tamén quedarán estipuladas as subvencións ás que terán acceso os integrantes, así como un servizo de asesoramento e un plan de formación. A elaboración dun programa de mediación que axude aos participantes na Rede na composición das súas actividades, tendo en conta os seus recursos e públicos, é outra das vantaxes das que se beneficiarán.

Comparte