Nova: A Xunta patrocina o concerto que ofrecerá Marina Reche este venres en Lugo
27/11/2024
A Xunta patrocina o concerto que ofrecerá Marina Reche este venres en Lugo
O delegado territorial, Javier Arias, explica que se enmarca no ciclo de colaboracións co Círculo das Artes para traer recoñecidos artistas á cidade
Lugo, 27 de novembro de 2024
A Xunta de Galicia patrocina o concerto que ofrecerá Marina Reche este venres, 29 de novembro, no Círculo das Artes de Lugo. Será a partir das 21,00 horas.
O delegado territorial, Javier Arias, reuniuse hoxe co presidente da sociedade recreativa, Miguel Caraduje, e con Eduardo Núñez, da empresa de dinamización cultural La Liebre, e lembrou que a actuación se enmarca nun acordo de colaboración polo que o Goberno galego programa unha serie de eventos culturais na sede da sociedade recreativa. A artista neoiorquina Sophie Auster abriu o ciclo de concertos o pasado 31 de outubro.
Marina Reche chega á capital lucense dentro da súa primeira xira nacional, Lo he intentado, na que percorreu os escenarios dalgunhas das principais cidades españolas cun rotundo éxito de vendas. Para o concerto de Lugo xa se pechou a venta de entradas a través da web pero, por reaxustes no aforo, poderase adquirir medio cento máis na propia entrada do concerto.
A artista orixinaria de Elche presentará ao público o seu novo álbum xunto con outros temas do seu repertorio e adiantos do seu novo proxecto, Oscuridad. Ao día seguinte, o sábado 30, actuará en Santiago de Compostela. Nos vindeiros meses continuará a súa xira por España e tamén ten comprometida a súa participación no festival Lollapalooza 2025 en Chile e Arxentina.