Nova: A Xunta destaca o crecemento das Bibliotecas Públicas de Galicia en número de usuarios, préstamos e actividades

27/11/2024

A Xunta destaca o crecemento das Bibliotecas Públicas de Galicia en número de usuarios, préstamos e actividades

López Campos salienta que estes datos “reflicten unha evolución positiva e evidencian que se deixa atrás o impacto que tivo neste servizo a pandemia”

Rexístrase un incremento do 4,6 % no número de usuarios ata chegar a preto de 850.000 persoas, máis dun 30 % da poboación

Medra tamén o número de visitantes ás instalacións, que alcanza os 3.700.000, o que supón unha suba do 13,4 %, en relación a 2022

Esta tendencia á alza tamén se constata nas seis bibliotecas xestionadas pola Xunta, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

A Biblioteca de Galicia aumenta un 64,4 % o número de persoas usuarias entre 2022 e 2023, un período no que pasou de recibir 6.656 visitantes a un total de 34.048

Tamén medra o número de persoas que fai uso da plataforma dixital ‘GaliciaLe’, que nos últimos tres anos medrou nun 57,9 %, ata chegar a máis de 51.000 usuarios

En 2023 puxéronse en marcha ‘As Furgotecas’ por concellos rurais de Lugo e Ourense que xa teñen expedidos 1.394 carnés e realizado preto de 15.000 préstamos

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2024

A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia continúa a manter a tendencia de crecemento de usuarios, préstamos e actividades que recuperou en 2021, tras o impacto que supuxo a pandemia neste servizo polo confinamento e restricións de mobilidade. Así o reflicte o informe que analizou, entre 2019 e 2023, a evolución destes indicadores e que foi presentado hoxe polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.

Neste senso, o titular de Cultura da Xunta destacou que os datos desta análise “reflicten unha evolución positiva e recollen que se deixa atrás o impacto que tivo neste servizo a pandemia”. Nesta liña, argumentou que en todos os indicadores estatísticos aportados polo 94 % das 313 bibliotecas desta rede pública “evidénciase esta evolución positiva”.

En concreto, puxo en valor os últimos datos analizados no informe, os referidos a 2023, xa que amosaron que, na actualidade, contan cun total de 846.441 persoas usuarias, “o que supón o 31,3 % da poboación”. Este numero dá testemuño dun incremento do 4,6 % con respecto a 2022, ano no que xa se rexistrara o aumento do número de carnés, ao igual que en 2021, tras a caída en 2020 por mor da pandemia.

De igual xeito, López Campos valorou que o informe revela unha “significativa alza” no número de préstamos de libros, folletos, publicacións periódicas, documentos sonoros e audiovisuais que conforman a colección das bibliotecas. En 2023 rexistráronse máis de 150.000 prestameiros activos, “o que supón que son un 12,9% máis que no ano anterior”. Ademais, realizáronse máis de 2,1 millóns de préstamos en total, “recollendo un suba de 8,8 % con respecto aos de 2022”.

Ademais, o conselleiro fixo fincapé no feito de que as bibliotecas tamén reciben “un alto número de visitantes nas súas instalacións”: máis de 3.700.000 no pasado ano, “que evidencia unha suba do 13,4 % en relación co 2022”. A isto engádeselle que se incrementou o un número de actividades, un 11,8 %, ao levarse a cabo un global de 399.488 durante 2023. Nestas programacións participaron preto de 400.000 persoas, un 15, 3 % máis que o ano anterior.

Mesma tendencia nas xestionadas pola Xunta

López Campos incidiu en que esta mesma evolución positiva tamén a rexistran as seis bibliotecas centrais territoriais, xestionadas pola Administración autonómica: a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, a de Lugo, a Nós de Ourense, a Antonio Odriozola de Pontevedra, a Ánxel Casal de Santiago, e a Juan Compañel de Vigo.

Nestas seis bibliotecas contabilizáronse no 2023 un total de 269.125 persoas que fan uso dos seus servizos, o que supón un incremento do 3,4 % con respecto ao ano anterior. Un aumento que tamén se rexistra nos préstamos, nun 5,2 %, e tamén no número de visitantes, que alcanzaron un total de 1.179.061 persoas, o que supón unha suba do 14,2 % con respecto as cifras acadadas en 2022.

Salto exponencial de usuarios e visitas á Biblioteca de Galicia

Este informe foi presentado polo conselleiro, acompañado polo director xeral de Cultura,  Anxo M. Lorenzo, na Biblioteca de Galicia, xa que tal e como lembrou López Campos esta instalación é “cabeceira do sistema”. No entanto, aclarou se trata dun centro en funcionamento diferente ao resto da rede, xa que é a encargada de preservar o patrimonio bibliográfico galego.

Precisamente, salientou que esta análise recolle na Biblioteca de Galicia unha “suba exponencial” entre 2002 e 2023, tanto no número de usuarios, ao pasar de 149 a 245, como no de visitantes, “xa que pasa de ter un total de 6.656 a 34.048 persoas que se achegaron e visitaron as súas instalacións”.

Préstamo dixital do ‘GaliciaLe’ tamén á alza

O responsable de Cultura do Goberno galego puxo tamén en valor que os datos da plataforma en liña GaliciaLe que ofrece préstamo en liña de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas pública galegas. Sobre este servizo, salientou “a moi boa tendencia na súa evolución”.

Así, explicou o crecemento da súa colección apunta “unha progresión en positivo” cun 67,16 % de incremento do número de material dispoñible nos últimos tres anos, ao rexistrarse unha colección dispoñible de 8.421, en 2021, aos 14.077 materiais aos que se podía acceder no pasado 2023.

De igual xeito, subliñou que o número de persoas usuarias “non deixou de medrar desde 2021, ano no que se contabilizaron 32.302 e que chegan a superar xa as 51.000 en 2023”.

‘As Furgotecas’

O informe presentado hoxe tamén afonda no proxecto As Furgotecas, que botou a andar en marzo de 2023. Trátanse de bibliotecas móbiles que a Xunta puxo en marcha como un espazo aberto a toda a comunidade e de apoio á veciñanza para facilitarlle o acceso á lectura, a información e a aprendizaxe en concellos das provincias de Lugo e Ourense, de menos de 5.000 habitantes, que non contaban con este servizo.

López Campos enxalzou “a boa acollida” que están a ter entre a poboación estas bibliotecas móbiles. Así, informou de que xa teñen desenvolvido máis de 3.700 actividades, coa participación de 1.394 persoas que contan xa co seu carné, téñense alcanzado os 15.000 préstamos, e mais de 6.600 persoas achegáronse a participar nas súas actividades.

Comparte