Nova: A Xunta anuncia no Culturgal a programación de Nadal do Gaiás que inclúe osos e elefantes mecánicos e unha aldea viquinga con obradoiros

30/11/2024

A Xunta anuncia no Culturgal a programación de Nadal do Gaiás que inclúe osos e elefantes mecánicos e unha aldea viquinga con obradoiros

As actividades da Cidade da Cultura, inspiradas no ‘Yule’ nórdico, dan comezo o vindeiro martes, 3 de decembro

O programa para estas festas inclúe un espectáculo de circo da compañía La Fiesta Escénica, no que presentarán as súas novas figuras animatrónicas, de gran realismo

As actividades complétanse cunha aventura de realidade virtual, onde a cativada pode visitar a casa do Apalpador, ou un concerto da banda A Gramola Gominola

Ademais, na feira de Pontevedra, hoxe desenvólvense obradoiros infantís de tatuaxes temporais e xoiaría viquinga relacionadas coas exposicións do Gaiás

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2024

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dá a coñecer este sábado no marco do Culturgal, celebrado en Pontevedra, as actividades de Nadal que terán lugar no Gaiás a partir do vindeiro martes 3 de decembro. Coa mostra Unha vida viquinga como pano de fondo, a Cidade da Cultura inspírase este ano nos festexos do Yule nórdico para recrear no museo un pequeno poboado viquingo que acollerá obradoiros infantís de xoiaría ou tatuaxes temporais con runas. Ao longo do día de hoxe, as familias poden gozar desta actividade no espazo da Xunta de Galicia no recinto feiral do Pazo da Cultura pontevedrés.

Tamén neste mesmo espazo, as persoas que visiten Culturgal poden probar ao longo de toda a fin de semana a nova experiencia de realidade virtual do Galiverso no corazón da pedra, que vén de abrir as súas portas no Gaiás o pasado xoves.

No que respecta ao programa familiar da Cidade da Cultura para este decembro, unha das súas propostas centrais é o Gran Circo de Nadal de La Fiesta Escénica. A compañía galego-arxentina presentará o 27 de decembro os seus novos elefantes e osos polares animatrónicos —animais artificiais coa aparencia e movemento realista—. O espectáculo, que estrea no Gaiás a súa xira desta tempada, convida a redescubrir en familia a maxia do circo clásico con acrobacias aéreas, música, coidadas coreografías e o selo de calidade dunha compañía de recoñecemento internacional, que xa acadou grande éxito de público en España, Francia ou Alemaña.

Xa o sábado 4 de xaneiro, a Cidade da Cultura acollerá un concerto especial de Nadal da Gramola Gominola, unha das bandas actuais de música en galego máis queridas polo público infantil e que vén precisamente de lanzar novo disco. Composta por Paco Cerdeira (Pakolas), Paula Romero (De Vacas, banda de Guadi Galego), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (S4N7, Nebra, Wealman), a súa proposta desenfadada de rock&roll en galego para público miúdo pon a bailar a públicos de todas as idades.

As entradas para ambos os dous espectáculos están xa á venda a través de Ataquilla.com ou da web da cidadedacultura.gal, a un prezo de cinco euros.

Realidade virtual, obradoiros e música

O Nadal no Gaiás volve acoller este ano a experiencia de realidade virtual do Galiverso de Nadal, da que gozarán especialmente os máis pequenos e pequenas da casa, entrando virtualmente na casa do Apalpador para fisgar como vive esta figura do Nadal galego. Esta proposta interactiva ofrece unha experiencia adaptada para nenas e nenos a partir de 6 anos, cunha duración reducida atendendo ás recomendacións de uso da realidade virtual a idades temperás. A experiencia é gratuíta, previa reserva de praza en Ataquilla.com ou no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.

Tamén a Biblioteca de Galicia se suma á programación cun espectáculo musical de teatro e panxoliñas —o sábado 14 de decembro— e un obradoiro de monicreques a cargo de Títeres Babaluva —o 21 de decembro—. Ademais, e na liña dos últimos anos, o complexo do Gaiás quedará ambientado no seu exterior cun deseño de luces visible desde diversos puntos da cidade de Santiago, permanecendo desde o día 3 decembro ata o día de Reis, o 6 de xaneiro.

Contacontos, maxia, danza e obradoiros

Ademais da presentación da actividade de Nadal da Cidade da Cultura, o expositor da Xunta en Culturgal este sábado será o escenario de tres pases de contacontos con Cris Collazo (a partir das 11,30 horas) e dos obradoiros familiares Un Nadal viquingo no Gaiás de xoiería (ás 12,30, ás 18,30 e ás 19,30 horas) e tatuaxe (ás 13,00, ás 18,30 e ás 19,30 horas), así como da actuación do Mago Teto (ás 17,00 horas) e a performance de Kirenia Martínez e Antón Reixa arredor do espectáculo Cicatriz, coproducido por Kirenia Danza e o Centro Coreográfico Galego.

Este mesmo espazo volverá acoller o domingo varias citas de maxia, neste caso con Pedro Volta (a partir das 11,30 horas); de danza, cunha acción de Daniel Rodríguez Cía. a partir da súa peza Transeúnte, tamén en coprodución co Centro Coreográfico (ás 12,30 horas); e contacontos con Vero Rilo (ás 17,30 horas). Ademais, ás 11,45 horas está programada no Espazo Cine a presentación da serie infantil en galego Bibopalula, de Ainé Producións co apoio da Xunta.

O expositor institucional será, así mesmo, unha das paradas da Foliada Culturgal, coa participación do Grupo de Música Tradicional da Xunta de Galicia (ás 13,00 horas) e da entrega de premios de videoxogos (19,00 horas), organizados pola Xunta e que inclúe o galardón do público ao mellor proxecto galego neste ámbito e á persoa gañadora do sorteo entre as participantes no Espazo de Videoxogos. No Espazo Arte quedou instalada precisamente a mostra interactiva con estas propostas, que poderá visitarse durante todo o horario da feira.

Comparte