Nova: Anxo M. Lorenzo destaca o impulso internacional da cultura galega “no evento editorial máis relevante de Iberoamérica”

30/11/2024

Anxo M. Lorenzo destaca o impulso internacional da cultura galega “no evento editorial máis relevante de Iberoamérica”

A Xunta de Galicia facilita a asistencia de 14 profesionais do sector do libro convidados que participarán nas presentacións, conferencias e entrevistas

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convida a descubrir a ampla selección dos títulos máis relevantes das principais editoriais galegas

O Goberno autonómico conta cun espazo propio “que amosa a gran calidade da produción literaria da nosa Comunidade”

Guadalajara (México), 30 de novembro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da Feira Internacional do Libro de Guadalaxara, en México, que conta este ano con España como convidada de honra e que se desenvolverá ata o vindeiro 8 de decembro. No acto destacou o impulso internacional que supón esta cita para a cultura galega, “xa que é o evento editorial profesional máis relevante de Iberoamérica”.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incidiu no compromiso do Goberno galego no apoio a este sector facilitando a asistencia de 14 profesionais do sector do libro a este evento. Deste xeito, salientou a participación de Eva Mejuto, Manel Loureiro, Manel Cráneo, Pedro Feijóo e José María Paz Gago nas presentacións, conferencias e entrevistas programadas para estes días.

Estes autores e autoras súmanse aos nove profesionais que asistirán á Feira Internacional do Libro de Guadalaxara ao abeiro da liña de axudas da Xunta de Galicia e entre os que se atopan editores, escritores e ilustradores.

Neste senso, Anxo M. Lorenzo convidou aos asistentes a achegarse ata o expositor do Goberno autonómico onde se exhiben unha ampla selección dos títulos máis relevantes dos últimos tempos das principais editoriais galegas. En canto a este espazo propio, puxo en valor a presenza das publicacións “que amosan a gran calidade da produción literaria que achegamos desde a nosa Comunidade”.

A participación de Galicia nesta feira de recoñecido prestixio enmárcase nas actividades de promoción exterior da literatura galega postas en marchas pola Administración autonómica a través do sector editorial. Así, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina 200.000€ anuais para asistir a este tipo de eventos con proxección internacional, concretamente para ter presenza, ademais de na Feira do Libro de Guadalaxara (México), na de Boloña (Italia) e na de Bos Aires (Arxentina), ás que se lle suma o Ficomic de Barcelona.

Comparte