Nova: A Filmoteca de Galicia recibe mañá a directora Carla Simón para falar sobre cine e perspectiva de xénero no ciclo ‘Close-Up’
02/12/2024
A Filmoteca de Galicia recibe mañá a directora Carla Simón para falar sobre cine e perspectiva de xénero no ciclo ‘Close-Up’
A Sala José Sellier proxectará ‘Alcarràs’, a multipremiada segunda longametraxe da cineasta catalá, quen compartirá a continuación un coloquio co público
Este mes remata a retrospectiva ‘Universo Agnès Varda’ e finalizan tamén os episodios da serie ‘Walker’, de Tsai Ming-liang
A sección Fóra de Serie ofrecerá dous filmes de Jacques Demy, as estreas máis recentes do realizador surcoreano Hong Sang-soo e a última película da cineasta norteamerica Kelly Reichardt, inédita nas salas españolas
As pezas finalistas do XIV Certame de Curtas AS-PG e os traballos filmados polo colectivo Equipo 64 nos anos 60 completan a carteleira deste último tramo do ano
A Coruña, 2 de decembro de 2024
A Filmoteca de Galicia acolle mañá ás 19,00 h. unha nova sesión do ciclo Close-Up: Cine e perspectiva de xénero coa visita da directora Carla Simón e a proxección da súa celebrada película Alcarràs. Arranca así na cinemateca da Xunta a carteleira de decembro, mes durante o que chegan á súa fin a retrospectiva sobre Agnès Varda, con algúns dos seus títulos máis populares, e a serie Walker, cos últimos episodios rodados por Tsai Ming-lian ata o momento.
A programación para estas últimas semanas do ano complétase coas olladas de Jacques Demy, Hong Sang-soo e Kelly Reichardt na sección Fóra de serie, as pezas finalistas do XIV Certame de Curtas AS-PG e os traballos filmados polo colectivo Equipo 64 nos anos 60, que se recuperan dentro dunha nova entrega de Materiais para unha historia do cine en Galicia.
A realizadora catalá Carla Simón, Goya á mellor dirección novel con Estiu 1992 e Oso de Ouro na Berlinale coa laureada Alcarràs, será a protagonista mañá martes dunha nova sesión do ciclo Close-Up: Cine e perspectiva de xénero. Nela proxectarase a súa segunda longametraxe, que a situou como a primeira cineasta española en obter a máxima distinción nun dos grandes festivais do circuíto internacional e da que a cinemateca acollerá un segundo pase o mércores 4 ás 18:00 h.
Ademais, no encontro de mañá Jara Yáñez, comisaria do ciclo, conversará coa directora sobre a súa traxectoria, o seu estilo e os seus intereses temáticos, así como sobre como está a desenvolver a súa obra a partir da propia memoria. Nesta mesma liña de traballo, Simón vén de rodar en Galicia co apoio da Xunta Romería, coa que completa a triloxía de longametraxes na que explora as relacións familiares.
O universo de Agnès Varda e Jacques Demy
Este mes rematan na Filmoteca as proxeccións arredor do Universo Agnès Varda, cunha selección de varias películas da directora francesa entre as que se atopan a súa fita máis famosa, Cléo de 5 a 7 (días 18 e 19); a súa particular homenaxe ao centenario do cine, Las cien y una noches (días 20 e 21), e Jane B. por Agnès V. (día 19), unha creativa reflexión arredor da carreira da actriz e cantante Jane Birkin, quen volve aparecer en Kung-Fu Master! (día 17).
Nesta escolma final ten un especial protagonismo quen fora o seu compañeiro, o tamén director Jacques Demy, ao que Varda lle dedicou os documentais L’Univers de Jacques Demy (5 de decembro) e Las señoritas cumplen 25 (12 de decembro), ademais do ‘biopic’ Jacquot de Nantes (14 de decembro). Estes tres títulos compleméntase nesta carteleira con dous dos filmes máis coñecidos de Demy, Los paraguas de Cherburgo (5 e 11 de decembro) e Las señoritas de Rochefort (12 e 13 de decembro), incluídos ambos na sección Fóra de serie.
A serie Walker de Tsai Ming-liang ofrece tamén os seus dous últimos episodios ata o momento, Dónde (11 de decembro) e Albergando la nada (18 de decembro), este último estreado na pasada edición do festival de Berlín e que mostra ao monxe que interpreta Lee Khang-sheng transitando por escenarios estadounidenses coa súa característica parsimonia.
O último traballo de Kelly Reichardt, inédito en España
Ademais das fitas de Demy, este mes a sección Fóra de serie trae á Coruña varias películas recentes: as dúas últimas estreas en España do director surcoreano Hong Sang-soo, In Water (10 de decembro) e O noso día (13 e 17 de decembro), e a última peza da cineasta norteamericana Kelly Reichardt, Showing Up (4 de decembro), título inédito nas salas comerciais españolas.
Completan a programación de decembro a mostra das obras finalistas do XIV Certame de Curtas AS-PG, organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, o martes 10 de decembro, e unha sesión de Materiais para unha historia do cine en Galicia, o 20 de decembro, na que se proxectarán no seu soporte orixinal de 16mm varios traballos do Equipo 64 filmados entre 1964 e 1965: El Camino de Santiago, Pórtico de Compostela, Malpica e Cuatro plazas.
As copias destes filmes están depositadas na Filmoteca de Galicia e o pasado mes de outubro foron exhibidas no festival Curtocircuíto de Santiago de Compostela tras máis de medio século sen se proxectar na capital galega. A sesión será presentada por Enrique Banet, un dos integrantes do colectivo xunto con Gonzalo Anaya e Ezequiel Méndez.
Tanto esta sesión como o encontro de mañá con Carla Simón e o pase do Certame de Curtas AS-PG son de entrada gratuíta ata completar a capacidade da sala.