Nova: López Campos aborda co concello e a Armada o estado da candidatura ferrolá a Patrimonio Mundial

02/12/2024

López Campos aborda co concello e a Armada o estado da candidatura ferrolá a Patrimonio Mundial

Reitera o “compromiso da Xunta” coa proposta ‘Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración’

Destaca a necesidade de “analizar os últimos cambios e avanzar correctamente por un camiño que é longo"

O obxectivo da xuntanza é seguir traballando conxuntamente e de maneira planificada para optar a ser a candidata ao máximo recoñecemento da Unesco

Ferrol, 2 de decembro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado pola delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe nunha xuntanza co alcalde da cidade, José Manuel Rey, e co almirante xefe do Arsenal Militar, Gonzalo Villar, para avaliar conxuntamente o estado do expediente da candidatura Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración a Patrimonio Mundial.

Neste senso, o representante da Xunta destacou o traballo feito nos últimos anos polas partes implicadas “avanzando a nivel de activación social e de recoñecemento da candidatura”, puntualizando que a reunión de hoxe supón “facer unha revisión conxunta do expediente para analizar as súas últimas actualizacións”. Así, López Campos, reiterou o compromiso do Goberno galego para que a proposta, incluída na Lista indicativa nacional onde se recollen os bens susceptibles de ser presentados a Patrimonio da Humanidade, “avance correctamente de cara a ser valorada como candidata ao máximo recoñecemento da Unesco, o que leva consigo un intenso traballo como estamos a experimentar no caso da Ribeira Sacra”.

O encontro, que supuxo o primeiro contacto do responsable de Cultura da Xunta co novo almirante do Arsenal Militar, dá mostra, apuntou López Campos, “do interese de todos por consensuar a mellor planificación para un camiño que é longo e complexo”. Neste sentido, sobre o documento inicial de 2017 xa se fixeron varias modificacións, mellorando partes de carácter técnico e normativo, seguindo as directrices da Unesco, que deron lugar a unha nova folla de ruta sobre a que continuar o traballo.

Últimos avances no expediente

Cos últimos cambios introducidos na proposta a finais do ano pasado, hoxe púxose sobre a mesa o expediente Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración, actualizado coa participación de todas as administracións e institucións directamente involucradas como son a Xunta, o Concello e o Arsenal Militar, coa coordinación do consultor Alfredo Conti, un dos máximos expertos en Patrimonio Mundial.Ao respecto desta adecuación do expediente, cómpre sinalar que se realizaron unha serie de modificacións para mellorar as opcións de acreditar dun xeito claro o potencial Valor Universal Excepcional da Candidatura de Ferrol, incidindo nos seus valores únicos relacionados coa concepción de construción dun porto-cidade ideal.

Comparte