Nova: A Xunta inviste máis de 50.000 € en axudas a catro concellos de Ferrolterra para equipamento e mellora de instalacións culturais
03/12/2024
A Xunta inviste máis de 50.000 € en axudas a catro concellos de Ferrolterra para equipamento e mellora de instalacións culturais
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a Casa da Cultura de Neda onde o Concello acaba de incorporar novas librarías e equipamento na zona de consulta do arquivo municipal con cargo a esta convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Ademais de Neda tamén resultaron beneficiarios desta orde de subvencións os Concello de Ares, Cedeira e Valdoviño
Neda (A Coruña), 3 de decembro de 2024
A Xunta destina este ano 50.400 euros en axudas aos concellos de Ares, Cedeira, Neda e Valdoviño para equipamento e mellora das instalacións e locais empregados para a realización de actividades culturais. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, informou destas axudas no marco dunha visita realizada esta mañá xunto ao alcalde de Neda, Ángel Alvariño, á Casa da Cultura da localidade para comprobar o novo equipamento incorporado con cargo a esta liña de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Concretamente, o Concello instalou na biblioteca que alberga o inmoble novas librarías que permitirán aloxar os fondos bibliotecarios en condicións axeitadas. Ademais dotouse o espazo de consulta do arquivo de novos equipos informáticos, dúas mesas e tres cadeiras que mellorarán a consulta e estudo dos fondos documentais. A achega autonómica ascendeu a 19.000 euros.
Durante a visita, na que estivo acompañada do director territorial da consellería, Severino Álvarez, Aneiros lembrou a que través desta orde dotada de 500.000 euros de orzamento, o Goberno galego pretende continuar co labor de mellorar a infraestrutura dos equipamentos culturais co fin de dotar dos medios necesarios para que as entidades locais comprometidas coa acción cultural poidan executar os seus programas culturais, así como contar coas oportunas infraestruturas que lles permitan a adecuada realización das actividades culturais que promovan, garantindo o servizo público que prestan á cidadanía.
Entre as actuacións subvencionables inclúense intervencións relativas ao equipamento e moblaxe de locais; a realización de obras de reforma, ampliación, modernización ou mellora de inmobles, así como a adquisición de materiais técnicos vinculados ao desenvolvemento da programación cultural do local para o que se solicita a axuda e, en concreto: realización de investimentos en equipamento escénico, iluminación e son, equipamento audiovisual, equipamento xeral, sistemas de prevención e seguridade, novas tecnoloxías, investimentos destinados á posta en funcionamento de locais para usos culturais, investimentos en bibliotecas ou axencias de lectura pública municipais, investimentos en arquivos municipais, así como accións encamiñadas á mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
Ademais do Concello de Neda tamén resultaron beneficiarios desta convocatoria na área territorial os de Ares, Cedeira e Valdoviño.