Nova: Novos Cinemas pecha en Pontevedra o calendario anual de festivais audiovisuais apoiados pola Xunta

03/12/2024

Novos Cinemas pecha en Pontevedra o calendario anual de festivais audiovisuais apoiados pola Xunta

O filme La Parra, que vén de ser galardoado na Seminci, protagonizará a sesión inaugural coa que arranca una programación na que destaca a aposta polo cine emerxente, as estreas e o foco dedicado a Maxime Martinot

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publicará proximamente a convocatoria de subvencións para este tipo de certames correspondente a 2025

Pontevedra, 3 de decembro de 2024

Novos Cinemas, Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, anunciou hoxe a programación completa da súa novena edición, que se desenvolverá na capital do Lérez do 10 ao 15 de decembro. O certame pontevedrés pecha, ademais, o calendario anual de mostras audiovisuais  subvencionadas pola Xunta de Galicia, que este 2024 distribuíu 300.000 euros entre 10 eventos a través da súa liña específica de axudas.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, referiuse neste acto ao apoio do Goberno galego a este tipo de festivais, que proximamente terán á súa disposición a convocatoria correspondente a 2025. O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude acompañou a organización de Novos Cinemas na súa presentación, celebrada na Facultade de Ciencias da Comunicación do campus pontevedrés e na que tamén interviñeron representantes da Universidade de Vigo, do Concello de Pontevedra e da Deputación Provincial.

Esta novena edición arrancará o vindeiro día 10 cunha sesión inaugural protagonizada polo filme La Parra, do ferrolán Alberto Gracia e producida por Filmika Galaika con subvención da Xunta, que chega a Pontevedra tras o seu paso por festivais como Rotterdam, BAFICI e Seminci, onde obtivo o Gran Premio da Sección Alquimias.

Comezará así unha programación que, un ano máis, aposta polo cinema emerxente e as estreas internacionais, ao tempo que sirve de plataforma de difusión ao cinema galego. Ademais, o guionista, montador e realizador francés Maxime Martinot será obxecto da súa primeira retrospectiva internacional nun festival.

Nova sección competitiva

En canto aos apartados competitivos, Novos Cinemas proxectará 39 pezas, das cales nove serán estreas mundiais, dúas internacionais, 10 en España e 12 en Galicia. Este ano ás seccións Oficial e Latexos, súmase en 2024 Ceres, dedicada aos centros de ensino e formación cinematográfica e audiovisual de España e Portugal.

O festival reforza tamén a súa vertente formativa co fin de servir de impulso creativo para cineastas emerxentes. Faino a través dos laboratorios de primeira longametraxe, os encontros cos profesionais do audiovisual e os talleres adaptados a distintos públicos, con directores como Álvaro Gago.

A ourensá Paula Veleiro será a encargada de pechar esta nova edición de Novos Cinemas coa estrea de Sepáraste moito, un filme fondamente persoal que desenvolveu no laboratorio da sexta edición do certame pontevedrés e para o que contou con Brais Romero na produción.

Comparte