Nova: A Xunta convida a descubrir en familia ‘Un Nadal viquingo no Gaiás’ cunha instalación inspirada no ‘Yule’ nórdico que acolle obradoiros e contacontos
03/12/2024
A Xunta convida a descubrir en familia ‘Un Nadal viquingo no Gaiás’ cunha instalación inspirada no ‘Yule’ nórdico que acolle obradoiros e contacontos
O Hall de Tirantes do Museo transfórmase desde hoxe nun pequeno poboado de inspiración viquinga onde a cativada poderá fabricar o seu colar de doas ou experimentar con tatuaxes temporais con runas
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, animou a gozar da oferta de actividades da Cidade da Cultura para este mes de decembro
A programación inclúe un espectáculo de circo da compañía ‘La Fiesta Escénica’ que estrea tempada e esgotou 700 entradas para as dúas funcións
Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2024
A Xunta de Galicia convida as familias a descubrir na Cidade da Cultura a instalación Yule, un Nadal viquingo no Gaiás, que coa exposición Unha vida viquinga como pano de fondo, nos transporta ao mundo nórdico e ás súas tradicións e símbolos do solsticio de inverno, ao tempo que acolle ao longo destas festas sesións de contacontos e obradoiros creativos para a rapazada.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe a programación no Gaiás prendendo as luces da árbore na compaña de público de todas as idades que se achegou a descubrir neste primeiro día de apertura a proposta do Museo para estes festexos. O titular de Cultura do Goberno galego animou a toda a rapazada a participar nas diversas actividades que hoxe arrincaron con dous obradoiros creativos nesta pequena aldea viquinga que se recrea o Hall de Tirantes do Museo.
A instalación, que pode visitarse ata o vindeiro 6 de xaneiro, está asinada polo deseñador coruñés David Carballal, autor tamén da gráfica e da publicación da exposición Unha vida viquinga. Moitos dos elementos da decoración están fabricados dun xeito sostible, reutilizando papel para recrear a neve que cobre os camiños, cartón nos tellados das cabanas que poboan o espazo, e apostando tamén porque sexan doados de volver empregar ou reciclar dun xeito sostible.
O percorrido arrinca cun barco viquingo que chegou a porto —convertido en divertido photocall— e cun camiño de fachos que nos conduce ata a fogueira do lar, onde arde o tizón que debe manter vivo o lume toda a noite para escorrentar os malos espíritos. Non falta tampouco no espazo unha gran cabra de Yule, figura mítica que chega aos nosos días como un dos principais símbolos do Nadal escandinavo: as cabras de palla que decoran cada ano as casas nórdicas, en lembranza desta figura simbólica que porta agasallos para a rapazada e que podería ter as súas raíces nas dúas cabras mitolóxicas que tiraban da carruaxe voadora do deus Thor.
Obradoiros e contacontos
Na instalación non falta un espazo dedicado a gozar de obradoiros creativos en familia nos que deseñar desde pezas de xoiería viquinga como colares de doas, ou experimentar coa pintura corporal a través de tatuaxes temporais de runas ou símbolos viquingos. Tamén a carón da grande árbore de madeira do Gaiás, celebraranse sesións de contacontos para compartir relatos e tempo cos pequenos e pequenas da casa nestes días de festa. O acceso a estas actividades é libre e de balde ata completar capacidade e na web da cidadedacultura.gal poden comprobarse datas e horarios.
Espectáculos
A oferta da Cidade da Cultura para estas datas complétase con dúas funcións do Circo de Nadal de La Fiesta Escénica, un espectáculo que estrea no Gaiás a súa xira desta tempada e que esgotou en poucas horas 700 entradas postas á venda para o 27 e o 28 de decembro.
Xa en xaneiro, a Cidade da Cultura acollerá un concerto especial de Nadal da Gramola Gominola, unha das bandas actuais de música en galego máis queridas polo público infantil e que vén precisamente de lanzar novo disco. Composta por Paco Cerdeira (Pakolas), Paula Romero (De Vacas, banda de Guadi Galego), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (S4N7, Nebra, Wealman), a súa proposta desenfadada de rock&roll en galego para público miúdo pon a bailar a públicos de todas as idades.
Tamén volve ao Gaiás este ano a experiencia de realidade virtual do Galiverso de Nadal, da que gozarán especialmente os máis pequenos e pequenas da casa, entrando virtualmente na casa do Apalpador para fisgar como vive esta figura do Nadal galego. A experiencia é gratuíta, previa reserva de praza en Ataquilla.com ou no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.
Tamén o complexo do Gaiás queda ambientado no seu exterior desde hoxe e ata o remate das festas cun deseño de luces visible desde diversos puntos da cidade de Santiago.