Nova: A sede da Xunta en Lugo acolle os actos de clausura do 20 aniversario do Conservatorio Profesional de Danza
04/12/2024
A sede da Xunta en Lugo acolle os actos de clausura do 20 aniversario do Conservatorio Profesional de Danza
O delegado territorial, Javier Arias, asistiu á actuación do alumnado do último curso e participou na inauguración da exposición que percorre a historia do centro
Lugo, 4 de decembro de 2024
O Conservatorio Profesional de Danza de Lugo está a pechar o programa de actos de conmemoración do seu vixésimo aniversario, que durante os últimos meses desenvolveu no propio centro e en distintos espazos da cidade.
A Delegación Territorial da Xunta acolleu hoxe unha actuación do alumnado do último curso, que puxo en escena o espectáculo “Rito”, creado pola bailarina, coreógrafa e exalumna do centro Esther Latorre. Na mesma sede inaugurouse a exposición que percorre eses primeiros 20 anos de historia, que poderá visitarse ata o 26 de decembro. Nos actos participaron o delegado territorial, Javier Arias, e a directora do Conservatorio, Cristina Lata, entre outros.
Arias destacou que “é un luxo contar en Lugo co único centro profesional de danza dependente da Xunta, un referente dentro e fóra de Galicia grazas á calidade das ensinanzas que imparte, como acreditan xa varias xeracións de exalumnos que están traballando en España e no estranxeiro”.
O Conservatorio de Danza iniciou a súa actividade no curso 2003-2004 e foi medrando ata que no 2011/2012 acadou a implantación definitiva das ensinanzas de danza, cos catro cursos de grao elemental e os seis cursos de grao profesional nas especialidades de Danza clásica e Danza contemporánea. Este crecemento reflíctese tamén no alumnado matriculado, que actualmente ronda os 250, o dobre que hai 20 anos.