Nova: A Xunta abre o prazo da campaña 'Ler Conta Moito 2025', que no último ano impulsou máis de 600 actividades nas bibliotecas
06/12/2024
A Xunta abre o prazo da campaña 'Ler Conta Moito 2025', que no último ano impulsou máis de 600 actividades nas bibliotecas
- O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria á que se poden presentar profesionais dedicados á dinamización cultural ata o 20 de xaneiro
- Poderanse incorporar ata tres actividades por empresa e polo menos unha delas deberá estar orientada a promover a igualdade ou a loita contra a violencia de xénero
- Durante este ano, celebráronse iniciativas como obradoiros, contacontos, exposicións, charlas ou propostas audiovisuais, entre outras
Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2024.- A Xunta de Galicia vén de abrir ata o vindeiro 20 de xaneiro, o prazo de inscrición ao catálogo Ler Conta Moito 2025 a iniciativa coa que as empresas e profesionais galegos poden propoñer diferentes actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas galegas. Trátase dunha proposta que desenvolve a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude desde hai anos en colaboración coas entidades locais e coa que se impulsou no último ano un total de 644 iniciativas de dinamización entre contacontos, obradoiros, exposicións, charlas, propostas audiovisuais ou roteiros, entre outras.
Tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia, á convocatoria poden concorrer persoas físicas ou xurídicas dedicadas profesionalmente á dinamización cultural que deberán inscribirse na web da Rede de Bibliotecas de Galicia. Todos eles incorporarán actividades que se porán a disposición das bibliotecas públicas para que poidan seleccionalas para a súa programación durante o ano 2025.
Cada artista ou profesional pode engadir un máximo de tres propostas. No caso de que se desexe incluír tres no catálogo, polo menos unha delas terá que estar orientada especificamente a promover a igualdade entre homes e mulleres ou á loita contra a violencia de xénero.
Diversidade e acceso igualitario á cultura
O catálogo de Ler Conta Moito para o ano 2025 incorporará iniciativas que estarán dirixidas a potenciar a imaxe das bibliotecas e fomentar a diversidade e o acceso igualitario á cultura. Valorarase que promovan a lectura, a escritura, a creación artística; difundir a cultura e a lingua galega; divulgar o coñecemento; promover o pensamento crítico, a innovación e a creatividade; e favorecer a construción social participativa, igualitaria e inclusiva.
Poderán incluírse obradoiros creativos, actividades de narración oral como contacontos, lecturas en voz alta, recitais, regueifas e similares, propostas de divulgación literaria como encontros con autores, clubs de lectura e similares, así como iniciativas de divulgación científica ou charlas sobre temas de interese social ou cultural. No catálogo tamén caben propostas do audiovisual como proxeccións, audicións, ciclos arredor do cine e a música, creación de contidos dixitais, proxectos de artes escénicas, exposicións ou roteiros para descubrir escenarios literarios, entre outros.