Nova: O Centro Dramático Galego continúa estreitando lazos co teatro portugués como sede do ciclo ‘Quintas do Camões’
09/12/2024
O Centro Dramático Galego continúa estreitando lazos co teatro portugués como sede do ciclo ‘Quintas do Camões’
O Salón Teatro de Santiago ofrece este mércores 11 o espectáculo Salgueiro Maia, de Teatro do Noroeste - Centro Dramático de Viana, e o 10 de xaneiro Frágua de Amor, coproducido pola compañía pública xunto a seis estruturas culturais lusas
A unidade teatral da Xunta de Galicia colabora co Camões-Centro Cultural Portugués en Vigo para o desenvolvemento dunha nova edición desta iniciativa, que pon o foco nas raíces comúns do galego e o portugués
Tamén esta semana, o escenario compostelán recibe a Aula de Teatro da Universidade de Santiago para a estrea de Agamenón, volvín do supermercado e deille unha malleira ao meu fillo
Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2024
O Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela, volve ser un dos escenarios do ciclo de teatro en lingua portuguesa Quintas do Camões, promovido polo Camões-Centro Cultural Portugués en Vigo. Un ano máis, a unidade teatral da Xunta de Galicia colabora con esta iniciativa co obxectivo de poñer o foco nas raíces comúns dos idiomas galego e portugués, así como de estreitar lazos entre o teatro e a cultura de ambos os países.
O espazo compostelán recibe este mesmo mércores día 11, ás 20,00 h., a compañía lusa Teatro do Noroeste - Centro Dramático de Viana con Salgueiro Maia: cartografía de um monólogo, espectáculo escrito e interpretado por Ricardo Simões a partir da obra Capitão de abril: memórias da guerra do ultramar e do 25 de abril, de Salgueiro Maia.
Nesta peza, o capitán Salgueiro Maia, figura emblemática da Revolución dos Caraveis, comparte co público as súas memorias sobre os antecedentes dese suceso histórico, a guerra colonial e o proceso persoal que levou este militar de carreira excepcional a se rebelar contra o réxime do Estado Novo.
Autobús gratuíto ata Santiago
Para esta actividade, o centro Camões ofrece un servizo de autobús gratuíto desde Vigo ata Santiago de Compostela, con regreso incluído e paradas en Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.
As Quintas do Camões continuarán xa en xaneiro, coa representación o día 10 de Frágua de amor, de Gil Vicente, coproducida polo Centro Dramático Galego xunto a seis estruturas culturais lusas: Escola da Noite-Grupo de Teatro de Coímbra, Artway, Cendrev-Teatro García de Resende, O Bando de Surunyo, Teatro Académico de Gil Vicente e Teatro Nacional São João.
Estrea da Aula de Teatro da USC
Esta semana, o Salón Teatro será tamén o escenario da estrea de Agamenón, volvín do supermercado e deille unha malleira ao meu fillo, a nova montaxe da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela, que se representa na sede do Centro Dramático Galego o xoves 12, ás 21,00 h. A entrada é gratuíta previa recollida de localidades no despacho de billetes desde dúas horas antes do comezo da función.
A partir desta obra e doutros escritos do dramaturgo hispano-arxentino Rodrigo García, Roberto Salgueiro encárgase da posta en escena do espectáculo, cuxo elenco está formado por Antón Torrado Puime, Lucía Casal Muñiz e Laura Valeiras. Na peza convive unha mestura de violencia e humor, que serve de retrato dunha sociedade afeita a recibir o golpe e aceptar a derrota.