Nova: A Xunta lanza unha nova liña de axudas para o sector dos videoxogos dotada con 150.000 euros

10/12/2024

A Xunta lanza unha nova liña de axudas para o sector dos videoxogos dotada con 150.000 euros

A convocatoria, publicada hoxe no DOG, busca promover a xeración de contidos galegos e en galego, así como a profesionalización, a creación de emprego e a incorporación de mulleres aos equipos que traballan neste ámbito

Cada proxecto subvencionado poderá dispoñer de ata 25.000 euros para investir nas diferentes fases que van desde a creación á chegada ao mercado dos novos videoxogos

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2024

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dunha nova liña de axudas mediante a que destina 150.000 euros para o desenvolvemento do sector dos videoxogos na nosa Comunidade. Investiranse ata 25.000 euros en cada novo proxecto subvencionado, co fin de impulsar tanto a xeración de contidos galegos e en galego como a profesionalización e a creación de emprego por parte das empresas galegas que traballan neste ámbito.

Con estas contías, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contribuirá economicamente ás diferentes fases do proceso que culmina coa chegada ao mercado de novos videoxogos de selo galego, desde a súa creación e desenvolvemento, ata a produción, edición, distribución e comercialización. O obxectivo da convocatoria é apoiar un mínimo de seis novos proxectos, que disporán destas axudas para asumir ata o 75% do seu orzamento subvencionable.

Para a súa concesión, en réxime de concorrencia competitiva, valorarase unha serie de criterios automáticos e técnicos, de acordo cos que se puntuará o interese cultural das propostas, a súa contribución á promoción do idioma galego e a súa capacidade de creación de emprego, con especial atención á incorporación das mulleres aos equipos, así como á diversidade do público ao que se dirixen.

Terase en conta, así mesmo, o carácter innovador e o valor engadido dos proxectos, a súa capacidade para xerar sinerxías con outros sectores, a súa viabilidade técnica e económica ou a incorporación de ferramentas de avaliación dos seus resultados, entre outros aspectos.

Solicitudes ata o 10 de xaneiro

Poderán optar a estas axudas as empresas e persoas traballadoras autónomas do sector, para as que o prazo de solicitude estará aberto desde mañá e ata o vindeiro 10 de xaneiro a través da sede electrónica da Xunta.

Trátase da primeira vez que o Goberno galego xestiona con fondos propios unhas subvencións para o desenvolvemento integral do ámbito dos videoxogos, que en 2022 foi obxecto doutra convocatoria ao abeiro do Hub Audiovisual Industria Cultural Galega e financiada cos fondos Feder dentro do eixo React-UE. A partir do diálogo co sector, as bases para 2025 introducen unha serie de modificacións tanto nos criterios de adxudicación como de xustificación cara a unha mellor adaptación á tipoloxía da meirande parte das empresas galegas que traballan nestes proxectos.

Este novo investimento da Xunta responde ao potencial creativo e tecnolóxico do sector en Galicia, coa finalidade de contribuír ao seu actual proceso de vertebración para incrementar a súa base e capacidade empresarial, así como para lograr unha maior proxección social do seu traballo a través de propostas de calidade e competitivas no mercado global.

Comparte