Nova: A Xunta colabora con máis dunha trintena de intervencións arqueolóxicas promovidas por particulares
10/12/2024
A Xunta colabora con máis dunha trintena de intervencións arqueolóxicas promovidas por particulares
A través destas axudas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apoia seis actuacións na provincia da Coruña, catro en Lugo, unha en Ourense e 21 en Pontevedra
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2024
A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución de axudas para colaborar con particulares na realización de máis dunha trintena de intervencións arqueolóxicas. Trátase dunha convocatoria dirixida aos promotores particulares de calquera tipo de obras que afecten a un monumento, conxunto histórico, zona arqueolóxica ou xacementos catalogados ou inventariados.
Así, a través desta liña de axudas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora no financiamento dunha trintena de proxectos arqueolóxicos que se reparten nas catro provincias galegas e que inclúen seis intervencións na Coruña, catro en Lugo, unha en Ourense e 21 en Pontevedra.
Tal e como establece a resolución publicada, para acadar estas subvencións, as obras foron realizadas de acordo cos requisitos establecidos na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, executadas desde o ano 2017 en diante e finalizaron antes da data de publicación desta orde.
Porcentaxes de financiamento
As axudas promovidas pola Administración autonómica inclúen achegas por persoa e obra que cobren ata o 50% dos custos da execución do proxecto arqueolóxico autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e co límite de 20.000 euros, no caso de acreditar a presentación e a entrega das correspondentes memorias técnicas e da acta de depósito dos materiais.
A porcentaxe de axudas é do 30%, co límite de 12.000 euros no caso de que a actuación realizada xa fose subvencionada en anteriores convocatorias, é do 20% se xa foi. E as axudas poden ser do 20%, co límite de 8.000 euros, no caso da presentación e a entrega tan só dos correspondentes informes valorativos.