Nova: A Xunta homenaxea a Castelao e Díaz Pardo no calendario do libro e da lectura do vindeiro ano

11/12/2024

A Xunta homenaxea a Castelao e Díaz Pardo no calendario do libro e da lectura do vindeiro ano

O cartel recolle un total de 34 efemérides repartidas ao longo de todos os meses ao redor das que se organizan distintas propostas

López Campos destaca que “esta planificación é unha importante ferramenta de dinamización cultural achegando a lectura ás familias a través de días sinalados”

Como novidades con respecto ao ano anterior introdúcense o Día do patrimonio inmaterial, o Día da corrección de textos e o Día da música

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, deu a coñecer hoxe o Calendario do Libro e da Lectura de Galicia para o vindeiro ano, que inclúe datas de homenaxe a Alfonso Rodríguez Castelao con motivo do 75 aniversario do seu falecemento e a Isaac Díaz Pardo, a quen se lle dedica no 2025 o Día das artes galegas.

Tal e como explicou o representante da Xunta na presentación do cartel conmemorativo do almanaque, obra do ilustrador Carlos Gallego Domínguez, “esta planificación ao redor das efemérides que temos ao longo do ano é unha importante ferramenta de dinamización cultural nas bibliotecas”. Así, López Campos engadiu que “se trata dunha boa maneira de achegar a lectura e a historia ao público familiar a través de propostas que xiran ao redor de datas sinaladas e das figuras máis relevantes da nosa terra”.

Para o 2025, o responsable de Cultura do Goberno galego destacou a conmemoración do 75 aniversario de Castelao, lembrando o anuncio que realizou no Parlamento sobre a declaración do Ano Castelao de maneira que “aproveitemos este acontecemento como nexo de unión a favor da nosa cultura e da nosa lingua cunha extensa programación enfocada desde moi diversos ámbitos”.

Así, o programa do Calendario do Libro e da Lectura comezará o 7 de xaneiro, o día no que faleceu o intelectual galego, que será protagonista tamén o día 30 dese mes, xa que o artista Xosé Vizoso terá un recordo para el polo Día da ilustración. O 1 de abril será cando a actividade se centre en Isaac Díaz Pardo, coincidindo co propio Día das artes galegas, aínda que contará todo o ano cunha ampla oferta de accións como tamén sucederá co Día das letras galegas (17 de maio) que nas bibliotecas xirará ao redor do cancioneiro popular galego.

Como novidade con respecto ao ano anterior, as bibliotecas galegas celebrarán o 17 de outubro o Día do patrimonio inmaterial, mentres que o 27 será o Día da corrección de textos e o 22 de novembro o Día da música.

Programación mensual

A Lei do libro e da lectura de Galicia establece a elaboración deste calendario para fomentar a lectura e a normalización da presenza do libro en todos os sectores da sociedade.

Ademais das datas mencionadas, no mes de xaneiro terá lugar o Día do usuario (sábado 11) e o das biblioteca móbiles (martes 28). A estas propostas sumaránselle en febreiro o Día da lingua materna (venres 21) e o nacemento de Rosalía de Castro (domingo 23).

Para marzo están previstas as celebracións do Día do cómic (luns 17), da narración oral (xoves 20), da poesía (venres 21) e do teatro (xoves 27).

Xa en abril, ademais da actividade centrada de en Isaac Díaz Pardo, o protagonista será o Día do libro (mércores 23), conmemoración á que se lle sumarán o libro infantil e xuvenil (mércores 2) e o Día da propiedade intelectual (sábado 26).

En maio, alén da letras galegas, concéntranse o Día da liberdade de prensa (sábado 3), o Día dos museos (domingo 18) e o Día da diversidade cultural (mércores 21). Mentres, para xuño organizaranse propostas polo Día dos arquivos (luns 9) e en xullo ao redor do libro electrónico (venres 4) e da comprensión lectora (sábado 26).

Setembro é o mes para celebrar a alfabetización (luns 8), o Día europeo de das linguas (venres 26) e a tradución (martes 30). Para outubro, ademais do Día do patrimonio inmaterial e da corrección de textos, o calendario xirará ao redor das escritoras (luns 13) e das bibliotecas (venres 24).

O final de ano virá cargado de actividades co mes da ciencia en galego nas bibliotecas durante novembro, que tamén conemorará o Día de preservación dixital (domingo 2), o Día da lectura en homenaxe ao nacemento de Xosé Neira Vilas (luns 3), o Día das librarías (martes 11), o Día do patrimonio cultural (domingo 16) e o Día da música (sábado 22).  Rematará a planificación en decembro co Día da edición, centrada no aniversario do nacemento de Ánxel Casal (mércores 17).

Comparte