Nova: López Campos anuncia que as obras para solucionar os problemas de humidade na Catedral de Lugo comezarán nas vindeiras semanas
12/12/2024
López Campos anuncia que as obras para solucionar os problemas de humidade na Catedral de Lugo comezarán nas vindeiras semanas
A Xunta acaba de adxudicar os traballos para reparar as humidades da cabeceira da catedral, que durarán seis meses
A intervención encádrase no Plan Catedrais que recolle 7 M€ para unha quincena de actuacións neste templo
O responsable de Cultura do Goberno galego visita tamén a igrexa do Carme, onde o Goberno galego rematou xa a restauración da cuberta cunha achega de 140.000€
Lugo, 12 de decembro de 2024
A Xunta de Galicia comezará nas vindeiras semanas as obras para solucionar os problemas de humidade que afectan á Catedral de Santa María de Lugo. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita á cidade de Lugo na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Javier Arias.
Tal e como explicou López Campos, estas actuacións do Goberno galego centraranse na capela dos Ollos Grandes e nas absidiais, localizadas todas elas na cabeceira da catedral. Así, o obxectivo dos traballos será corrixir as deficiencias causadas pola humidade. Para iso, a obra que acaba de ser adxudicada por máis de 450.000€, centrarase na mellora da canalización das augas, da drenaxe e da ventilación. Cunha duración aproximada de seis meses, a intervención inclúe tamén a limpeza e rexuntado da fábrica exterior. Estas obras están incluídas dentro da operación Feder aprobada para actuar neste inmoble cun investimento superior aos 3,2 M€.
Durante esta visita, o conselleiro detallou tamén que está prevista outra actuación onde se van rehabilitar os espazos anexos á banda oeste do claustro catedralicio para a súa transformación en zonas de uso cultural asociadas ao museo diocesano, na que, segundo precisou, tamén se inclúen actuacións de eficiencia enerxética.
Para López Campos, estas actuacións reflicten a “implicación plena” da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude “na conservación e preservación” deste Ben de Interese Cultural, declarado monumento histórico-artístico e que está incluído na Declaración de Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
Precisamente, o responsable de Cultura da Xunta explicou que esta actuación forman parte da liña de traballo da Consellería de cultura, Lingua e Xuventude para “conservar e pór en valor o patrimonio máis sobranceiro da Comunidade” ao abeiro do Plan Catedrais. Ao respecto, lembrou que se trata da folla de ruta para actuar nos templos catedralicios de Galicia co horizonte de 2027 e que, segundo precisou, “no caso de Lugo, prevese un investimento de 7 millóns de euros para levar a cabo unha quincena de actuacións”.
Neste senso, apuntou que recentemente remataron as tarefas de restauración do claustro, “nas que se investiu 625.000 euros e que incluíron outros labores complementarios”, en referencia ás investigacións arqueolóxicas que permitiron constatar a existencia dunha importante necrópole de época medieval e moderna e descender á cloaca romana a través do rexistro de entrada existente no recinto
Capela Virxe do Carme
Na visita hoxe á cidade de Lugo, López Campos tamén se achegou á capela do Carme, na que a Xunta ten investido máis de 140.000€ para reparar os danos estruturais da cuberta, e cuxas obras xa remataron. Esta igrexa está localizada xunto á Porta Miñá nos extramuros da muralla romana.
Con estas actuacións, o conselleiro considerou que queda “máis que demostrado o compromiso incuestionable” do Goberno galego co patrimonio cultural de Lugo, “que só en actuacións na catedral de Santa María e na capela do Carme supoñen un investimento de preto de 3,5 millóns de euros”.
Máis de 55 M€ en políticas de salvagardas destes recursos
Finalmente, López Campos aproveitou estas visitas para salientar o esforzo que nos últimos anos leva facendo a Xunta en todo o territorio galego, con respecto á recuperación e preservación para “protexer, poñer en valor e divulgar o noso legado artístico e cultural como un símbolo de orgullo, identidade e riqueza para o país”.
Consecuentemente, enxalzou que o Goberno galego mantén unha “política decidida” a favor da salvagarda “dun dos recursos con maior valor histórico, cultural, e turístico de Galicia” a través plans estratéxicos como o Plan Catedrais, o Plan de actuacións arqueolóxicas, o Plan de BIC do Camiño de Santiago ou o Plan Ribeira Sacra, así como diversos plans directores para bens concretos. Así considerou que o demostran os máis de 55 M€ dedicados a este fin no último lustro pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.