Nova: O concerto-baile de Pesdelán, primeira cita de Cultura no Camiño en Ourense

30/04/2015

O concerto-baile de Pesdelán, primeira cita de Cultura no Camiño en Ourense

O colectivo dedicado á difusión da música e da danza tradicionais galegas proporá unha tarde de cancións e xogos para a participación de toda a familia

A programación completarase coas actuacións nos próximos días de Títeres Viravolta, Culturactiva e Palito

  • Pesdelán

Ourense, 30 de abril de 2015.- O grupo de música tradicional galega Pesdelán ofrecerá este domingo 3 de maio un concerto-baile no recinto da Alameda de Ourense, co que dará comezo a programación específica de ‘Cultura no Camiño’ para a cidade das Burgas. Dentro deste mesmo programa, outros tres emprazamentos ao libre da zona centro do concello acollerán en próximos días as actuacións de Títeres Viravolta, Culturactiva e Palito.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Turismo de Galicia organizan ‘Cultura no Camiño’ en colaboración con 93 municipios das diferentes rutas xacobeas e co patrocinio da empresa Gadis. Este circuíto, que desenvolverá ata o 30 de setembro nas catro provincias galegas un total de 316 actuacións musicais, de teatro, danza, novo circo e maxia, forma parte das actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela.

Pesdelán iniciará a carteleira para o concello de Ourense cun espectáculo que dará comezo a partir das 19.00 horas e desde o que se lle convida a toda a familia a sentir a cultura tradicional galega. Así, mediante a música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos ao público presente, Pesdelán pretende recuperar o espírito participativo das festas populares e integrar nel a todas as persoas, con independencia da idade, condición física ou experiencia.

Títeres na praza de San Martiño
‘Cultura no Camiño’ volverá a Ourense o sábado 16 de maio para levar a cabo unha función de ‘A caixa de música’ a cargo de Títeres Viravolta. A praza de San Martiño será o escenario onde, ás 21.00 horas, se representará este espectáculo, de gran atractivo visual pola iluminación que se emprega a través de cores reflectidas sobre a luz negra. Na montaxe, os dous protagonistas, Icía e Salterio, estragan a caixa de música de Calderón, o vello músico que toca na rúa. Apesarada, Icía buscará o xeito de arranxala, topando cuns habilidosos personaxes, Zacaruso e Alterego, que prestan gran axuda ao tempo que van soando distintas melodías interpretadas en directo.

Ao día seguinte, domingo 17 de maio, o novo circo ocupará ás 18.00 horas os xardíns Padre Feijoo, da man do colectivo Culturactiva (do que forman parte formacións como Circo Expreso, Os Sete Magníficos máis Un, Roi Sixto, Trasno, Fredi ou Peter Punk, entre outras) e a selección de números circenses que se executan baixo o título ‘Pistactiva: combinado de circo galego’. Trátase dun espectáculo dobre, de 90 minutos de duración, que mestura clown, malabares, acrobacias e aéreos.

A programación de ‘Cultura no Camiño’ en Ourense despedirase o 6 de xuño co concerto de Palito, nome artístico da pontevedresa Alba Redondo, quen interpretará unha escolma de composicións da súa autoría co acompañamento á guitarra de Javier López de Guereña ‘Zahori’. Esta última cita terá lugar ás 21.00 horas, de novo na praza de San Martiño, anexa á catedral ourensá.

O calendario completo de actuacións en toda Galicia está dispoñible para a súa consulta no web da Agadic (www.agadic.info/culturanocamino), así como na sección de axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia (http://cultura.xunta.es/gl/axenda).
 

Comparte