Nova: A Filmoteca de Galicia afonda na difusión do cinema histórico galego cunha sesión sobre os traballos de ‘Equipo 64’

19/12/2024

A Filmoteca de Galicia afonda na difusión do cinema histórico galego cunha sesión sobre os traballos de ‘Equipo 64’

A cita, con entrada de balde, terá lugar mañá ás 20,30 h. na sala José Sellier e contará coa presentación a cargo de Enrique Banet, un dos integrantes do colectivo

Proxectaranse os documentais en 16 mm ‘El Camino de Santiago’, ‘Pórtico de Compostela’, ‘Malpica’ e ‘Cuatro plazas’

A carteleira anual da cinemateca da Xunta remata o sábado co último pase da ampla retrospectiva dedicada a Agnès Varda

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten programado neste espazo 323 proxeccións ao longo de todo 2024

A Coruña, 19 de decembro de 2024

A Filmoteca de Galicia acolle mañá venres ás 20,30 h. na súa sede da Coruña unha nova entrega da sección Materiais para unha historia do cine, que estará dedicada aos traballos de Equipo 64, o colectivo compostelán integrado por Gonzalo Anaya, Enrique Banet e Ezequiel Méndez que entre 1964 e 1965 realizou unha serie de filmacións que son parte xa da crónica audiovisual galega e que están depositadas no arquivo da cinemateca da Xunta.

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude programa na Filmoteca de Galicia unha sesión, que contará coa presentación a cargo de Enrique Banet, está programada con entrada de balde e inclúe a proxección de tres documentais gravados en 16 mm co patrocinio da, daquela, Caja de Ahorros de Santiago: El Camino de Santiago (1964), Pórtico de Compostela (1965), Malpica (1966) e Cuatro plazas (1966). As catro pezas suman en total 73 minutos de metraxe realizados cunha cámara cinematográfica portátil durante unha viaxe a Roncesvalles para filmar as persoas que emprendían a peregrinación a Santiago de Compostela. 

Anaya, Banet e Méndez, responsable naqueles anos do mítico Cine-Club Universitario, conseguiron, ademais, montar un andamio diante do Pórtico da Gloria (cedido polo Cine Metropol despois de ser utilizado para instalar unha pantalla de formato Todd-AO) e tomaron outras imaxes en localidades da Costa da Morte. Tamén foron quen de elaborar un guión titulado Castelao, que non chegou producirse pola disolución do grupo, así como varios guións inéditos que están na actualidade depositados na Filmoteca de Galicia.

Medio século sen proxectárense

Materiais para unha historia do cine é unha sección que ten como función primordial darlle visibilidade ao arquivo da Filmoteca en sesións definidas pola súa heterodoxia: curtas e longametraxes, ficcións e documentais, cine doméstico e cinema industrial, tanto fragmentos como obras completas que reconstrúen a historia do cine feito en Galicia. Neste contexto, as copias destes filmes levaban sen ser proxectadas publicamente máis de 50 anos, ata o pasado mes de outubro, cando o festival compostelán Curtocircuíto volveu mostralas.

A dedicada a Equipo 64 será a penúltima sesión da cinemateca da Xunta este 2024, xa que a programación anual de sala rematará o sábado 21 poñéndolle fin á ampla retrospectiva que tivo á directora francesa Agnès Varda como protagonista. Será coa proxección ás 18,00 h. de Las cien y una noches, a particular homenaxe asinada pola realizadora en 1994 para celebrar o centenario do cine a través dunha longametraxe interpretada por figuras tan relevantes como Michel Piccoli, Marcello Mastroianni, Emmanuel Salinger, Julie Gayet, Mathieu Demy, Catherine Deneuve ou Robert De Niro.

Deste xeito, a Filmoteca de Galicia finalizará decembro tras ter ofrecido ao longo de todo o ano un total de 323 proxeccións de 243 programas diferentes en 187 días de apertura da sala José Sellier. Despois das festas de Nadal, volverá atoparse co seu público o 8 de xaneiro co arranque da nova programación deseñada para 2025.

Comparte