Nova: O pulo das exposicións internacionais leva á Cidade da Cultura a pechar 2024 como o ano con maior número de participantes nas súas actividades
19/12/2024
O pulo das exposicións internacionais leva á Cidade da Cultura a pechar 2024 como o ano con maior número de participantes nas súas actividades
O atractivo das mostras ‘Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum’, ‘Unha vida viquinga’ ou ‘Tattoo. Arte baixo a pel’ incrementa case nun 30% a participación no programa cultural
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude destaca ante o padroado da Fundación Cidade da Cultura a expansión de actividade do Gaiás nun exercicio que remata con 1,4 millóns de visitas e preto dun milleiro de eventos e actividades
A aposta pola dixitalización coa construción do Centro Galego de Artes Dixitais, as liñas de apoio á comunidade creadora ou o programa para prover de contidos a centros de toda Galicia centran o balance do 2024
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presidiu esta mañá a última reunión do ano do padroado da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, xuntanza na que destacou a “expansión que experimenta o Gaiás”, acreditada por datos como que pechará 2024 con máis de 1,4 millóns de visitas ou sendo o ano da súa historia no que máis persoas participaron no seu programa de actividades. A estimación é que, unha vez computados os datos de decembro, o exercicio remate con preto de 250.000 participantes.
“O esforzo para achegar a Galicia exposicións internacionais explica a cifra récord de participantes no programa cultural”, destacou o titular de Cultura do Goberno galego, en alusión a que o Gaiás despedirá 2024 cun incremento de participantes nas actividades de case un 30% respecto a 2023.
O aumento obedece, en boa medida, ao pulo de Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum, Unha vida viquinga ou Tattoo. Arte baixo a pel, mostras organizadas en colaboración con algunhas das institucións máis relevantes do panorama cultural internacional. De feito, tanto Tesouros Reais como Unha vida viquinga sitúanse entre as tres con máis visitas de todas as programadas pola Cidade da Cultura desde a súa apertura ao público en 2011.
Despois de lembrar como o Gaiás encabezou de novo o ranking de institucións culturais galegas do Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, López Campos destacou tamén que a suma de actividades culturais e de eventos institucionais, sociais ou empresariais celebrados en 2024 achégase ao millar. “As cifras reflicten como se continúa a incrementar o nivel de actividade”, insistiu.
As estatísticas son coherentes, segundo explicou, coas conclusións do segundo estudo de Contabilidade Social, no que se conclúe que a Cidade da Cultura, por cada euro de investimento público que recibe, devolve 2,04 euros á sociedade.
O balance de 2024 complétase coas liñas de traballo para apoiar á comunidade de creadores, como as Residencias Artísticas do Gaiás, ou coa actividade que está a desenvolver o Gaiás como fornecedor de contidos para centros de toda a comunidade. Neste senso, o conselleiro subliñou exemplos como Cidades no tempo, proxecto que rematou este setembro e que supuxo a organización de sete ambiciosas mostras, unha en cada unha das principais cidades galegas, nas que se reivindicaba a súa historia e legado.
Obxectivos para 2025
Entre os retos a afrontar, López Campos avanzou que o 2025 virá marcado por unha aposta decidida polas artes dixitais. Neste senso, reafirmou o compromiso de rematar a finais de ano as obras do primeiro Centro Galego de Artes Dixitais, equipamento que suporá un dos grandes fitos culturais de 2025.
Mentres se avanza neste equipamento, o responsable de Cultura adiantou que as propostas para 2025 amosarán ese compromiso, incorporando innovadoras experiencias inmersivas, así como proxectos en colaboración con institucións que son referencia en España no eido das artes dixitais. “Queremos que a Cidade da Cultura sexa un escaparate das enormes posibilidades das artes dixitais para o mundo da cultura”, explicou o conselleiro, aludindo ao éxito de experiencias como o Galiverso ou Hábitats.
En consonancia coas prioridades fixadas pola Xunta de Galicia na recentemente aprobada Lei de cultura inclusiva e accesible, o conselleiro anunciou un amplo abano de medidas encamiñadas a facer da Cidade da Cultura unha referencia de equipamento cultural público aberto a todos os colectivos.
Por último, a reunión do padroado serviu para fixar como obxectivo para 2025 a eficiencia enerxética, decisión que se concretará no desenvolvemento de accións para ampliar as fontes de enerxía limpa do complexo, de sistemas para o aproveitamento de auga da chuvia para o rego ou na substitución de tecnoloxía por solucións máis eficientes.