Nova: A Xunta amplía a súa colaboración coa Comisión Fulbright para que seis mozos completen a súa formación artística nos Estados Unidos

19/12/2024

A Xunta amplía a súa colaboración coa Comisión Fulbright para que seis mozos completen a súa formación artística nos Estados Unidos

Esta é a quinta edición deste programa cuxo prazo de solicitude está aberto ata o 13 de xaneiro 

José López Campos pon en valor a achega de máis do 85% do Goberno galego para o pago da viaxe, manutención, gastos do proxecto, matrícula, taxas obrigatorias e custos de xestión

Destaca o apoio ao talento galego emerxente e anima á mocidade a participar nesta iniciativa que “permitirá ampliar os seus horizontes académicos e culturais”

Santiago de Compostela, 19 de decembro 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o director executivo da Comisión Fulbright en España, Alberto López, firmaron hoxe o convenio que amplía a colaboración do Goberno galego con esta entidade para que seis mozos completen a súa formación artística nos Estados Unidos. Trátase dun programa que celebra xa a súa quinta edición e cuxo prazo de inscrición se atopa aberto ata o 13 de xaneiro.

No acto, no que tamén participaron antigos bolseiros, o titular de Cultura da Xunta puxo en valor o apoio ao talento galego emerxente a través deste tipo de iniciativas que lles permiten ampliar a súa educación no eido das artes e no estranxeiro. Así, López Campos salientou que este convenio conta cunha achega por parte da Administración autonómica de 268.601 €, o que supón máis do 85% do total do custo da actividade. Tal e como explicou, esta cantidade está destinada aos custos da viaxe, manutención do bolseiro, gastos de proxecto, de matrícula e taxas obrigatorias que poidan existir, así como os derivados das xestións.

Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o conselleiro incidiu na necesidade de continuar apoiando o talento galego emerxente a través de iniciativas que impulsen a súa formación, nas que Galicia é unha comunidade pioneira no establecemento deste tipo de programas xunto coa Comisión Fulbright. No marco desta cita, animou á mocidade galega a tomar parte en propostas coma esta, que “vos permitirá ampliar os vosos horizontes académicos e culturais, converténdovos en embaixadores da cultura galega nas institucións americanas”.

Neste senso, salientou que a colaboración entre ambos organismos suma xa cinco anos, nos que participaron unha vintena de bolseiros realizando proxectos de danza, música, pintura, escultura, deseño, vestiario, moda, teatro ou fotografía nas institucións da súa elección en Massachusetts, California, Nova York, Boston ou Maine, por exemplo.

Condicións e prazos da convocatoria

O representante da Xunta de Galicia, explicou que poderán participar nesta iniciativa os mozos que teñan conexión coa nosa comunidade, por nacemento, residencia, formación en estudos superiores ou artísticos e traxectoria profesional que estean interesados en completar os seus estudos en institucións culturais do país norteamericano e que envíen as súas solicitudes antes do 13 de xaneiro a través da páxina web de Fulbright. As condicións inclúen posuír un título superior de grao, ou outro título expedido por unha institución recoñecida que acredite a formación nunha disciplina artística, ademais dunha carta de acceso, invitación ou admisión nun centro estadounidense e ter coñecemento de inglés.

Deste xeito, López Campos adiantou que a lista de preseleccionados será publicada entre os meses de febreiro e marzo, mentres que a resolución final será lanzada entre marzo e abril, para que os beneficiarios poidan desfrutar da súa estadía no estranxeiro durante o curso 2025-2026.

Finalmente, aclarou que tal e como establece o acordo, a Comisión Fulbright será a encargada de preparar e xestionar a convocatoria e o proceso de selección dos bolseiros. Ademais, farase cargo da xestión de visados e de ofrecer sesións de orientación en España e unha rede de apoio nos Estados Unidos. Así mesmo, os bolseiros poderán participar en seminarios culturais e científicos organizados pola Comisión e, unha vez rematada a súa estadía, formarán parte da rede de antigos alumnos Fulbrighr do U. S. Department of State á que tamén pertencen artistas como Francisco Leiro, Din Matamoro ou a dramaturga Fefa Noia.

Comparte