Nova: As premiadas Magical girl e Timbuktu inician a nova programación de 66 sesións do CGAI
01/05/2015
As premiadas Magical girl e Timbuktu inician a nova programación de 66 sesións do CGAI
O Centro Galego de Artes da Imaxe contará coa presenza do director do Festival de Cine de San Sebastián o martes día 5 para presentar a fita de Carlos Vermut, gañadora da Cuncha de Ouro na última edición do certame internacional
Esta carteleira bimestral, que inclúe tamén parte do programa da mostra (S8), arranca mañá sábado co documental ‘The Ghosts in Our Machine’, nunha presentación organizada pola asociación Igualdade Animal
Desenvolveranse ciclos sobre a I Guerra Mundial, a documentalista francesa Claire Simon e o cineasta húngaro Miklos Jancsó, ademais de varias xornadas dedicadas ao centenario do Technicolor ou aos directores Ken Jacobs e Nadav Lapid
A Coruña, 1 de maio 2015.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) proxectará a semana que vén as premiadas ‘Magical Girl’, gañadora da Cuncha de Ouro do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, e ‘Timbuktú, a gran triunfadora dos premios César do cinema francés, como dúas das citas destacadas no inicio da súa nova programación bimestral.
A sede na Coruña da filmoteca da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acollerá un total de 66 sesións cinematográficas ata finais de xuño como parte desta carteleira, que arranca mañá sábado 2, ás 18.00 horas, con ‘The Ghost in Our Machine’, un documental da directora canadense Liz Marshall que reflexiona sobre a nosa relación cos animais seguindo a coñecida fotógrafa e activista Jo-Anne McArthur. A asociación ‘Igualdade Animal’ organiza esta presentación, de entrada gratuíta.
Novidades do panorama independente
Xa a semana que vén, a filmoteca da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contará coa presenza de José Luis Rebordinos, o director do Festival de San Sebastián, para presentar a proxección de ‘Magical Girl’, nunha sesión especial e gratuíta que terá lugar o martes 5, ás 20.30 horas. Esta será a primeira das novas citas de Fóra de Serie, unha das seccións fixas do CGAI, a través da que lles achega aos espectadores galegos destacadas novidades do panorama cinematográfico independente que non adoitan ser atendidas polos circuítos de distribución comercial.
Así, nos próximos días tamén poderá verse na Coruña ‘Qué dificil es ser un dios’ (xoves 7, 20.00 h), aclamada produción rusa de ciencia ficción, e ‘Timbuktú’ (venres 8, ás 18.00 e 20.30 h), coprodución mauritano-francesa do director Abderrahmane Sissako, que obtivo seis galardóns na pasada edición dos premios César, incluídos o de mellor película e de mellor dirección.
Esta primeira semana da nova programación maio-xuño propón un documental romanés sobre fútbol, ‘The Second Game’, que se exhibe o mércores 6 (18.00 e 20.30 h) dentro da oferta do Circuíto de Cine Independente, rede da que a filmoteca galega forma parte xunto con outros cinco centros culturais públicos de todo o Estado. Ademais, o sábado 9 regresa CGAI Júnior coa película alemá de animación ‘Amigos para siempre’. A cita será ás 18.00 horas e a entrada, de balde.
Ciclos monográficos
O Centro Galego de Artes da Imaxe tamén preparou para estes dous meses varios ciclos monográficos, como o que lle dedicará ao proxecto europeo EFG1914, a través do que se dixitalizaron 740 horas de películas sobre a I Guerra Mundial. Do 12 ao 14 de maio ofreceranse cinco sesións cunha escolma de materiais realizada pola Filmoteca Española e o CulturArts-IVAC de Valencia cara á súa exhibición pública.
A documentalista francesa Claire Simon, a través da colaboración co Festival Play-Doc de Tui, e o cineasta húngaro Miklos Jancsó serán, igualmente, obxecto de cadanseu ciclo do 19 ao 27 de maio e todos os martes do 9 ao 30 de xuño, respectivamente.
Por outra banda, o CGAI volve colaborar este ano cos organizadores da (S8) Mostra de Cinema Periférico, repetindo como unha das sedes do encontro, que desenvolverá a súa sexta edición do 3 ao 7 de xuño. En paralelo, programaranse dúas sesións dedicadas a Ken Jacobs, que servirán de antesala á presenza do mítico cineasta norteamericano no festival coruñés.
O especial Ken Jacobs insírese, á súa vez, noutra das seccións habituais da filmoteca galega que, baixo o título de Desencadres, pon o foco sobre o traballo de destacadas figuras internacionais nos ámbitos máis experimentais. É o caso de Nathaniel Dorsky e Jerome Hiler, así como de Stan Brakhage, quen desde primeiros de 2014 vén sendo obxecto de atención continuada por parte do CGAI.
Así mesmo, na programación destes meses haberá lugar para conmemorar o centenario do Technicolor, un dos selos de calidade fotográfica por excelencia. En colaboración con IB Cinema, organizaranse dúas sesións especiais o 28 e o 29 de maio, coa proxección da primeira longametraxe realizada con esta técnica (‘Toll of the Sea’) e a primeira en Vista Vision (‘Navidades blancas’).
Esta ampla e moi variada carteleira inclúe, ademais, as dúas longametraxes israelís do director Navad Lapid –‘Policía en Israel’, premiada no festival de Locarno e na Bafici de Bos Aires, e ‘La profesora de parvulario’–, así como unha xornada dedicada aos recentes Premios Mestre Mateo do audiovisual galego.