Nova: A Xunta contribúe á difusión internacional do audiovisual galego en 20 festivais e mercados de sete países
21/12/2024
A Xunta contribúe á difusión internacional do audiovisual galego en 20 festivais e mercados de sete países
Distribúe 70.000€ a 24 produtoras para a promoción dos seus traballos en foros e mostras como a Mipcom de Cannes, Cinemart de Rotterdam, a Viennale de Viena ou o Festival de Locarno
A presenza de ‘As neves’, ‘Aurora’ e ‘Tratamos demasiado bien a las mujeres’ no Festival de Málaga ou ‘La Parra’ e ‘Alguén me chamou serpe negra’ no de Rotterdam atópanse entre as 45 accións subvencionadas por esta liña de apoio
Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2024
A Xunta de Galicia resolveu a convocatoria de 2024 das subvencións para a comercialización e difusión exterior de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos, pola que distribúe 70.000 euros entre 24 produtoras. Con esta contía, que supón un aumento da dotación nun 40% con respecto ao ano anterior, contribúese ao desenvolvemento de diferentes accións de promoción e presenza en 20 festivais e mercados internacionais de referencia para o sector.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten como o obxectivo con esta liña de axudas, adxudicada en catro quendas, contribuír a poñer en valor o traballo de produción e creación audiovisual con selo galego, así como a situar a nosa Comunidade no mapa cinematográfico mundial. Así, por exemplo, no caso da modalidade destinada á participación en eventos de cine fóra de Galicia, resultaron beneficiarias 11 produtoras. O Goberno galego apoiou a participación nos Premios Goya da curtametraxe To Bird or not To Bird e de El sueño de la sultana, dirixida po Isabel Herguera. Esta película de animación de Abano Producións tamén recibiu axuda para a súa participación en San Sebastián e en Annecy (Francia).
Dentro e fóra de España
Outros seis títulos contaron coa subvención para a súa presenza no Festival de Málaga: os filmes de ficción As neves, que tamén recibiu axuda para participación no Festival de San Sebastián, e Tratamos demasiado bien a las mujeres, os documentais Aurora e Salvaxe, salvaxe, e as curtametraxes O frío, de Pablo Dopazo, e Platónico, Platónica, de Xacio Baño. Pola súa banda, Á procura da Estrela contou coa axuda para acudir ao Festival Internacional de Cine de Gijón, Prefiro condenarme ao Festival de Sevilla e Turismo de Guerra á Seminci de Valladolid.
Fóra de España, a Xunta posibilitou a presenza no Festival Internacional de Cine en Guadalajara (México) de Salvaxe, salvaxe, no IFF Festival Internacional de Cine de Rotterdam (Países Baixos) de Alguén me chamou serpe negra e La Parra, que tamén visitou a Viennale (Austria), no Festival de Locarno (Suíza) de Prefiro condernarme e, finalmente, de Non te vexo no festival de curtametraxes de Clermont-Ferrand (Francia).
Nesta categoría, as contías outorgadas destínanse ao transporte de material de promoción específico, á contratación de empresas de relacións públicas ou axentes de prensa para a difusión dos filmes nas mostras, ao desprazamento e á estadía no festival dun máximo de cinco persoas do equipo, e á tiraxe e/ou subtitulado das copias.
Axudas para participar en foros e mercados
En canto á modalidade de asistencia a foros de negocio especializados, a Xunta asume parte dos gastos derivados da inscrición, viaxe e estadía dos representantes de 16 produtoras galegas en feiras de referencia internacional para o sector.
Son os casos dos mercados asociados a destacados festivais cinematográficos como o Marché du Filme, o MipTV e o Mipcom de Cannes (Francia), o Cinamarte de Rotterdam, o European Film Market de Berlín, o Marché du Film Court de Clermont-Ferrand (Francia), The Industry Club de San Sebastián e o Mafiz de Málaga, así como o evento dedicado ao xénero documental Sunny Side of the Doc, en La Rochelle (Francia).
Os detalles das catro quendas de concesión poden consultarse no apartado correspondente da web da Axencia Galega das Industrias Culturais.