Nova: Rehabilitación da igrexa de San Salvador de Sarria
02/05/2015
Rehabilitación da igrexa de San Salvador de Sarria
Formalízanse os contratos destas obras, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, por valor de 254.000 euros
Santiago, 2 de maio de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará 254.000 euros a obras na igrexa de San Salvador de Sarria, co fin de impulsar a rehabilitación deste templo do Camiño Francés a Santiago. O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a formalización do contrato dos traballos que se van realizar neste igrexa, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo FEDER Galicia 2007-2013, que pode consultarse no seguinte enlace: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150429/AnuncioG0164-150415-0003_gl.html
As obras, que xa están en marcha e teñen un prazo de execución de 6 meses, centratanse nos elementos exteriores do templo. En concreto, substituirase a totalidade da cuberta da igrexa - pola que estaba a entrar a auga cara ao interior- por unha nova de lousa. Ademais, repararanse os danos causados polas filtracións sobre os acabados interiores e a estrutura de madeira que soporta a cubrición, ao tempo que se elimina o falso teito de xeito que o espazo final resultante recupere a formalización orixinal do templo. Así mesmo está previsto o tratamento e restauración das fachadas e dos elementos de carpintería singulares
A maiores, demolerase unha edificación moderna anexa existente que deteriora a imaxe da igrexa e do seu contorno, renovarase a instalación eléctrica e dotarase dun aseo á sancristía.