Nova: A Residencia Literaria da Xunta na Cidade da Cultura propicia o debut na narrativa galega de dúas das súas participantes

29/12/2024

A Residencia Literaria da Xunta na Cidade da Cultura propicia o debut na narrativa galega de dúas das súas participantes

A naronesa Ana Varela publica ‘Runrún’ coa Editorial Galaxia, unha narración de corte social ambientada en Ferrol sobre a saúde mental e os coidados

A mexicana Sara Guerrero conta en ‘Eu son o monte’ (EuSeino? Editores) a historia dunha xeración proveniente de emigrantes en América que volve á aldea galega 

O programa de apoio á creación literaria impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no Gaiás suma xa catro edicións con medio cento de autores

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2024

A Residencia Literaria que a Xunta de Galicia celebra na Cidade da Cultura acaba de propiciar o debut na narrativa galega de dúas das súas participantes na edición de 2023. A mexicana Sara Guerrero e a naronesa Ana Varela acaban de publicar en dúas editoriais galegas os libros Eu son o monte e Runrún, respectivamente. Ambos os dous son os proxectos cos que traballaron o pasado ano no encontro formativo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para escritores noveis polo que xa pasaron algúns dos autores e autoras que están a despuntar no panorama literario actual.

Con estas dúas novelas, son xa catro os proxectos de narrativa que ocupan os andeis das librarías logo do seu paso pola Residencia literaria do Gaiás. Jarroa (Caballo de Troya, 2024) de Andrea Fernández Plata, e Primavera, a camareira, o cuarto e o libro de poemas (Dr. Alveiros. Premio Vicente Risco de Novela Curta, 2023) de Fran Fernández Dávila completan o listado.

Plataforma para o talento literario

Medio cento de escritores e escritoras participaron nas catro edicións da Residencia literaria da Cidade da Cultura, consolidada a día de hoxe como plataforma para o talento nas letras galegas. O encontro, que nas súas tres edicións celebradas ata o momento estivo dirixido polo escritor e profesor de escrita creativa Javier Peña, combina o traballo individual coa revisión e posta en común dos proxectos das compañeiras e compañeiros, favorecendo un diálogo aberto e a partilla de aprendizaxes.

Esta iniciativa, que materializa a aposta da Cidade da Cultura polo apoio á creación literaria dentro do programa de Residencias Artísticas do Gaiás, contou coa participación dalgúns autores e autoras destacados no panorama literario galego máis recente, como Sica Romero (Premio San Clemente de Novela 2023) ou Brais Lamela (Premio El Ojo Crítico de RNE 2023). Tamén con escritoras sobresaíntes das letras galegas e españolas como Berta Dávila, Sara Mesa, Ledicia Costas, Marta Sanz, Brenda Navarro, Marilar Aleixandre e Irene Solà. 

Os coidados, a saúde mental e a migración

Runrún é o título do libro que Ana Varela acaba de sacar coa Editorial Galaxia na súa colección Ronsel. Unha historia ambientada en Ferrol protagonizada por dúas irmás, Aldara e Uxía, que ven como a súa vida se pon do revés logo da morte prematura dos pais. Un texto que pon o foco nos coidados, a saúde mental, os afectos escollidos e os que veñen dados. Con dous premios de poesía no seu haber, o Francisco Añón con Asombrario e o VI Premio Gonzalo López Abente con Onde nacen as hedras, Ana Varela estréase como narradora con esta novela.

Sara Guerrero, xornalista e crítica literaria formada entre o seu México natal, Barcelona e A Coruña, presenta en Eu son o monte unha novela sobre a procura dun novo fogar no rural galego. Publicada por Euseino? Editores, narra, a través da ollada dunha parella que abandona América, a viaxe de toda unha xeración de migrantes que fan o traxecto inverso dos seus devanceiros. Un relato ao tempo familiar e inhóspito sobre como construír un lugar no que habitar, no material e no emocional.

Comparte