Nova: O delegado territorial da Xunta en Ourense recibe á directiva da Coral de Ruada para transmitirlle os parabéns polo premio Otero Pedrayo 2024
03/01/2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense recibe á directiva da Coral de Ruada para transmitirlle os parabéns polo premio Otero Pedrayo 2024
Manuel Pardo louvou a súa traxectoria de máis dun século levando a música tradicional galega a grandes festivais nacionais e internacionais e tamén polo seu labor na promoción de actividades de formación de teatro e da escola de música
Na actualidade centra o seu labor na difusión dos temas folclóricos galegos e a polifonía galega e universal nas Sociedades Culturais de Galicia, España e o estranxeiro
O delegado territorial lembrou que está en trámite o expediente para a declaración de Ben de Interese Cultural da música e o baile tradicionais galegos, co que pasará a contar coa máxima protección, acorde coa súa relevancia no noso patrimonio inmaterial
Ourense, 3 de xaneiro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, reuniuse esta mañá na Delegación Territorial con membros da directiva da Coral de Ruada para trasladarlle os parabéns polo seu recente recoñecemento co Premio Otero Pedrayo de 2024.
Manuel Pardo louvou a súa traxectoria de máis dun século levando a música tradicional galega a grandes festivais nacionais e internacionais e tamén polo seu labor na promoción de actividades de formación de teatro e da escola de música; e lembrou que está en trámite o expediente para a declaración de Ben de Interese Cultural da música e o baile tradicionais galegos, co que pasará a contar coa máxima protección, acorde coa súa relevancia no noso patrimonio inmaterial.
Fundada no 1918 polos ourensáns Fabriciano Iglesias, Xabier Prado "Lameiro", Xulio Prieto Nespereira, Virxilio Fernández e Cesáreo Eire, presentouse no Salón Apolo de Ourense o día 24 de xuño de 1919 e en Madrid en 1920.
Na actualidade centra o seu labor na difusión dos temas folclóricos galegos e a polifonía galega e universal nas Sociedades Culturais de Galicia, España e o estranxeiro. Ademais do coro, ten a Escola de Música Tradicional ‘Virxilio Fernández’, o grupo de Teatro ‘Xabier Prado -Lameiro’, e a escola de baile ‘Coral de Ruada’.
A formación participa tamén en numerosos actos institucionais, colaborando co Concello, Deputación, Catedral de Ourense e Xunta de Galicia. Por outra banda, de Ruada organiza todos os anos o ‘Premio Xabier Prado -Lameiro-‘, as xornadas ‘LembradeNÓS’, o ‘Certame De Ruada’, o ‘Concerto dos Amigos’ no Teatro Principal e o ‘Concerto de Nadal’ na Catedral de Ourense.
Desde o ano 2022 preside a Xunta de Goberno da Coral Fátima María Malingre Grande. A formación está composta, actualmente, por 42 voces mixtas, 10 instrumentistas (gaita, percusión, zanfona, piano e órgano) e 16 bailaríns, baixo a dirección de Xoán Antón Vázquez Casas.