Nova: A Xunta realizou 130 actuacións patrimoniais durante o ano 2024 cun investimento de case 13 M€
03/01/2025
A Xunta realizou 130 actuacións patrimoniais durante o ano 2024 cun investimento de case 13 M€
O ano pasado realizáronse intervencións en máis de 100 bens entre os que se inclúen xacementos, igrexas, mosteiros ou castros
López Campos destaca que estes traballos encádranse no compromiso do Goberno galego “coa conservación do noso patrimonio máis senlleiro para que sigan contando a nosa historia”
Este compromiso continuará vixente no 2025 con obras como a que se levará a cabo no concello pontevedrés de Portas
Portas (Pontevedra), 3 de xaneiro 2025
A Xunta destinou 13 M€ a actuacións sobre o patrimonio durante o ano 2024, tanto no que se refire a intervencións arqueolóxicas como arquitectónicas. Así o indicou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, durante unha visita á igrexa parroquial de San Pedro de Lantaño, na localidade pontevedresa de Portas, onde nos vindeiros meses se levará a cabo a restauración do retablo maior coa financiación do Goberno galego.
O representante do Executivo autonómico destacou “o compromiso coa conservación, mantemento e posta en valor dos nosos bens patrimoniais, esenciais para seguir contando a nosa historia xeración tras xeración”. Así, resaltou que cada ano “se fai un importante investimento na rehabilitación”, lembrando o centenar de intervencións arquitectónicas sobre 81 bens realizadas o ano pasado cunha contía total de preto de 12 M€. A estes, cómpre sumar os traballos desenvolvidos en xacementos arqueolóxicos, con 27 accións, “aos que dedicamos no 2024 unha partida de máis de 800.000€ para seguir investigando, descubrindo o noso pasado e dándolle difusión no noso presente”.
Con esta premisa, tal e como precisou López Campos, comeza tamén o 2025, para o que se reservan 22 M€ no orzamento no que ten que ver co patrimonio, co obxectivo de continuar impulsando a conservación de bens de interese histórico a través de distintos plans de actuación como é o Plan Catedrais, que vela polo bo estado dos grandes templos galegos, o que ten que ver cos monumentos vencellados ao Camiño de Santiago ou cos enclaves arqueolóxicos.
Retablo de San Pedro de Lantaño
A igrexa de San Pedro de Lantaño, na que se atopa un retablo maior e as súas imaxes, ten a consideración de ben catalogado incluído no Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Portas. O proxecto de restauración deste retablo, que asume a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, está en fase de adxudicación por valor de 62.000€, polo que en breve comezarán os traballos dirixidos a rehabilitar esta peza barroca coa retirada de elementos alleos a ela, a eliminación da policromía de época recente e a consolidación do soporte nas zonas debilitadas, entre outras accións.
A intervención tamén contempla a recuperación das imaxes de San Andrés, San Vicente, San Xosé, San Francisco, San Pedro, Santiago Peregrino e a Virxe da Apocalipse.