Nova: A participación do Centro Dramático no proxecto europeo Phōnē incide na proxección exterior do teatro galego a través dun centenar de accións

05/01/2025

A participación do Centro Dramático no proxecto europeo Phōnē incide na proxección exterior do teatro galego a través dun centenar de accións

A compañía da Xunta de Galicia e outros nove socios internacionais formaron parte deste programa, que vén de pechar tres anos de traballo a prol da diversidade cultural e lingüística de Europa a través das artes escénicas

Entre os resultados desta iniciativa, figuran a produción de ‘Os actos e as profecías’ e ‘O corazón na boca’, así como as coproducións internacionais ‘An fear liath’ con Irlanda e Países Baixos e ‘Lémbrame’ con Alemaña

A implicación galega posibilitou a organización dun evento internacional en Santiago e a participación de artistas galegos en encontros, obradoiros, podcast e vodcast, lecturas dramatizadas e residencias en varios países

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2025.- O Centro Dramático Galego pecha a súa participación no proxecto europeo Phōnē despois de ter intervido nun cento de accións escénicas a prol da diversidade lingüística e cultural de Europa, que serviron igualmente para impulsar a proxección exterior do noso teatro e artistas. Ademais da unidade de produción teatral da Xunta de Galicia e doutros departamentos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, formaron parte desta iniciativa estruturas teatrais e institucións académicas de Alemaña, Francia, Italia, Irlanda, Noruega, Países Baixos e Romanía, dándolle forma á primeira gran colaboración internacional de teatros públicos e privados para a posta en valor das linguas minoritarias.

 

Entre 2022 e 2024, estas entidades desenvolveron producións e coproducións, lecturas dramatizadas, eventos internacionais, residencias artísticas, gravacións de podcast e vodcast, encontros profesionais, obradoiros formativos e publicacións, logrando entre todas superar amplamente as 170 accións previstas ao inicio do programa.

 

Baixo o subtítulo Dándolles ás linguas minorizadas unha voz, este proxecto do programa Europa Creativa conectou profesionais e públicos de comunidades con linguas propias, proporcionándolles unha plataforma internacional para a súa expansión e intercambio tanto a nivel profesional como no ámbito do teatro amador.

 

A lingua como eixo central

Coa lingua como eixo vertebrador da cultura e o traballo da compañía da Xunta a prol da internacionalización do noso teatro, a participación galega en Phōnē concretouse en preto de 100 accións. Destacan, entre elas, as producións propias Os actos e as profecías, baixo a dirección de Tamara Canosa como espectáculo central da celebración en 2024 do 40º aniversario do Centro Dramático Galego, e O corazón na boca, proxecto de teatro comunitario dirixido por Rafael Rey e desenvolvido en colaboración coa Federación Galega de Teatro Afeccionado e a compañía Nauta Teatro.

 

En canto ás coproducións internacionais, o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, púxose á fronte da montaxe An fear liath, estreada o pasado mes de xullo no Galway International Arts Festival de Irlanda coa implicación de máis de 30 persoas, entre intérpretes, manipuladores e mergulladores, dunha equipa integrada por Galicia, Irlanda e Países Baixos. Así mesmo, produciuse con Alemaña a peza de marionetas Lémbrame, Spominaje na mnje, representada en galego e sorobio, que tivo a súa estrea en outubro no Salón Teatro de Santiago de Compostela dentro do Festival Internacional Galiquecres, mentres que a cidade de Brunek, en Tirol do Sur (Italia), acolleu en xullo o encontro creativo e a estrea dun espectáculo multilingüe a partir do traballo desenvolvido polos oito grupos de teatro comunitario do proxecto Phōnē.

 

Esta colaboración internacional, enmarcada así mesmo na estratexia da Xunta para a promoción da cultura e lingua galegas no exterior, posibilitou tamén o desenvolvemento de lecturas dramatizadas de diferentes fragmentos de Os actos e as profecías en Bautzen (Alemaña), Bucarest (Romanía) e Galway (Irlanda), así como a organización dentro do Festival Escenas do Cambio da Cidade da Cultura do evento International Night Galicia para compartir unha mostra das producións encabezadas polos teatros de  Irlanda, Romanía e Tirol do Sur socios desta iniciativa europea.

 

Artistas galegos no exterior

Phōnē prestoulle especial atención á participación da xuventude, á transmisión de coñecemento entre distintas xeracións, á formación e ao intercambio. Neste sentido, Galicia recibiu artistas de Bretaña, Noruega, Países Baixos e Romanía, mentres que profesionais galegos como Tamara Canosa, Xacio Baño, Noemi Rodríguez, Rafael Rey, Marcelino de Santiago "Kukas", Isabel Rey, Carlos Gallardo, Borja Ínsua ou Alba Grande interviron en residencias, encontros e outras accións co resto de países participantes.

 

A representación galega estendeuse, ademais, a oito encontros internacionais, unha formación de teatro amador en Londres e numerosos podcast e vodcast a partir dos obradoiros de escrita dos grupos de teatro comunitario.

 

Para levar a cabo este proxecto europeo, o Centro Dramático Galego traballou man a man xunto a nove socios doutros sete países: as compañías teatrais Fryske Toaniel Stifting Tryater (Países Baixos), Deutsch-Sorbisches Volkstheater Bautzen (Alemaña), Teatrul Evreiesc de Stat (Romanía), Stadttheater (Tirol do Sur, Italia), Fibin Teo (Irlanda), Teatr Piba (Bretaña, Francia) e Itu teatteriforeeninki (Noruega), e as institucións académicas Universität Leipzig (Alemaña) e Stichting Hanzehogeschool Groningen (Países Baixos). Deste xeito e xunto coa lingua galega, estiveron representados neste proxecto o frisón, o alto e o baixo sorobio, o yiddish, o ladino, o gaélico, o bretón e o kven.

 

Comparte