Nova: A Xunta abre a licitación por preto de 1 M€ para a reforma das instalacións de climatización do CGAC

08/01/2025

A Xunta abre a licitación por preto de 1 M€ para a reforma das instalacións de climatización do CGAC

Os traballos están dirixidos a optimizar as condicións de temperatura e humidade precisas tanto para a conservación das obras como para o benestar dos visitantes

O Executivo autonómico destina fondos europeos a esta intervención para cumprir coa mellora da eficiencia enerxética nos edificios públicos

López Campos destaca “o compromiso do Goberno galego co plan de modernización dos nosos equipamentos culturais para ofrecer un servizo de calidade á sociedade”

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2025

A Xunta de Galicia publicou hoxe a licitación, por 978.879€, do proxecto de reforma das instalacións de climatización do Centro Galego de Arte Contemporánea “mantendo o compromiso do Goberno autonómico co plan de mellora e modernización dos equipamentos culturais para ofrecer un servizo de calidade á sociedade”, como así o destacou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita realizada xunto co director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, ao espazo que no 2023 celebrou o seu 30 aniversario.

Neste senso, o representante do Executivo galego indicou que a actuación, financiada nun 60% co Programa Galicia Feder 2021-2027, é de grande importancia para que “despois de 30 anos de crecemento e consolidación como un dos nosos centros culturais de referencia, o CGAC goce das mellores condicións para continuar nesa senda”. Así, incidiu en que “ a posta en valor dos nosos centros museísticos a nivel contido tamén pasa por contar coas infraestruturas máis adecuadas a nivel técnico para o seu correcto funcionamento”.

Deste xeito, os traballos están encamiñados a solucionar as deficiencias xurdidas co paso do tempo no inmoble e a dotalo das condicións de temperatura e humidade axeitadas, tal e como lembrou López Campos, “tanto para a conservación das obras de arte como para o benestar dos visitantes”. Neste marco, coa intervención levarase a cabo a renovación tanto dos elementos de produción de calor, frío, humectación ou secado de aire, como das conducións de aire. Así mesmo, no proxecto tamén se recolle a necesidade de garantir o bo funcionamento de todos os equipos e o cumprimento da mellora da eficiencia enerxética en edificios públicos.

O Centro Galego de Arte Contemporánea

O edificio que alberga o Centro Galego de Arte Contemporánea foi deseñado no ano 1988 polo recoñecido arquitecto portugués Álvaro Siza e inaugurado o 29 de setembro de 1993. Desde os seus inicios, o espazo acolleu exposicións de artistas recoñecidos internacionalmente e outras dedicadas a difundir a arte galega, incluíndo tanto autores consagrados coma emerxentes.

Desde 1995 conta cunha colección permanente enriquecida coa incorporación de obras procedentes do contexto galego e internacional. Ademais das mostras, funciona como un importante centro multidisciplinar de dinamización da cultura onde se celebran ciclos, conferencias, propostas escénicas e musicais ou obradoiros, entre outras iniciativas.

Comparte