Nova: ‘A Furgoteca’ achega á provincia de Lugo unha ampla programación cultural durante o mes de xaneiro

08/01/2025

‘A Furgoteca’ achega á provincia de Lugo unha ampla programación cultural durante o mes de xaneiro

A biblioteca móbil da Xunta percorrerá unha decena de localidades do rural

Con motivo da celebración dos dous anos de funcionamento desta ruta están previstos un obradoiro de postais, varios contacontos ou o ‘Reto Lector’ deste 2025

Lugo, 8 de xaneiro de 2025

A Xunta de Galicia ten xa en marcha a programación  de actividades da ruta de A Furgoteca na provincia de Lugo. Trátase dun amplo abano de propostas no rural que se chegará aos municipios de Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela.

Así, ao abeiro deste servizo a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude organiza varias iniciativas culturais para todas as idades que van desde contacontos ou xogos ata diversas citas nas distintas localidades que forman parte do circuíto. O programa, que coincidirá coa celebración do segundo aniversario desta ruta, inclúe un obradoiro ou a posta en marcha do Reto Lector deste ano 2025.

A primeira parada para este mes de xaneiro chegará o xoves a As Nogais, que permanecerá na Casa do Concello desde as 11,00 ata as 15,30 horas. Ademais, A Furgoteca levará a narración oral A aldea que eu soñei ao Incio o día 22 ás 11,40 horas, mentres que o 27 de xaneiro Inma Soto ofrecerá Xela, aventura na Fraga no centro sociocultural de Baleira, ás 12,00 horas. Os vindeiros días 28 e 29, en Triacastela ás 11,00 horas, e Navia de Suarna ás 13,45 horas, respectivamente, os usuarios poderán gozar do contacontos a cargo de Paula Buján. Pola súa banda, o día 30 terá lugar un obradoiro de postais, que homenaxeará a Xosé Vizoso no Día da Ilustración, no colexio Nogueira de Muñiz ás 11,30 horas. Finalmente, o 31 de xaneiro a localidade de Samos contará coa narración A aldea que eu soñei, ás 11,35 horas.

Dinamización cultural no rural

No primeiro ano de funcionamento as bibliotecas móbiles, que estiveron presentes en 20 municipios de menos de 2.000 veciños, atenderon a 14.300 persoas e realizaron máis de 300 actividades de dinamización cultural. A iniciativa concorda cos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, impulsada pola Xunta e que promove o acceso á cultura de todas as persoas facendo especial fincapé en paliar as limitacións xeográficas.

As rutas de A Furgoteca viaxan dúas veces ao mes a cada un dos concellos participantes, de maneira que se asenta un dos días nas localizacións con maior afluencia de público, xa sexan feiras, mercados, centros de saúde, pavillóns de deporte ou centros socioculturais. Na outra xornada achéganse ás aldeas para ofrecer unha atención máis personalizada.

Comparte