Nova: Rueda destaca o selo da cultura galega como símbolo de excelencia que promove a calidade, a identidade e o recoñecemento dentro e fóra do país
09/01/2025
Rueda destaca o selo da cultura galega como símbolo de excelencia que promove a calidade, a identidade e o recoñecemento dentro e fóra do país
Enxalza o talento dos creadores e creadoras da comunidade, recoñecido con diversos galardóns nacionais, así como a proxección de festivais, concertos e espazos como a Cidade da Cultura, superando esta última os 250.000 participantes no último ano
Salienta algunhas iniciativas impulsadas polo Goberno autonómico como a recentemente aprobada Lei de Cultura Inclusiva e Accesible, o Plan de Lectura de Galicia e o Pacto pola Lingua
Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe á cultura galega como un símbolo de excelencia recoñecido dentro e fóra do país, grazas ao seu “selo propio” que promove a calidade, reforza a identidade e supón un importante motor de desenvolvemento económico e social.
Referiuse así na súa intervención no primeiro pleno do ano do Consello da Cultura Galega, ao que asistiu acompañado polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e no que salientou o “excelente momento“ que vive a cultura galega grazas ao talento dos creadores e creadoras galegas.
Neste sentido, lembrou recoñecementos como os Premios Nacionais das Letras Españolas (Manuel Rivas), Poesía (Chus Pato) e Cómic (Bea Lema) outorgados o pasado 2024, así como a proxección de festivais, concertos e espazos como a Cidade da Cultura, superando esta última os 250.000 participantes no programa cultural deste último ano. Así mesmo, tamén avanzou os fitos que marcarán este 2025, entre os que destacou a celebración do Ano Castelao, as Letras Galegas centradas na tradición oral e as cantareiras, ou o esperado recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial.
Fortalecer para seguir medrando
O presidente destacou a aposta da Xunta polo fortalecemento dunha cultura que con máximos indicadores no emprego –xerando máis de 35.000 postos–, a riqueza xerada –representando o 3% do PIB galego– e a promoción dos creadores.
Así, destacou iniciativas impulsadas polo Goberno autonómico como a recentemente aprobada Lei de Cultura Inclusiva e Accesible, que sitúa á comunidade á vangarda normativa para a universalización da cultura como dereito; o próximo Plan de Lectura de Galicia, ao que se destinarán 30 M€ para impulsar o libro en lingua galega e fomentar o hábito entre os máis novos; ou o Pacto pola Lingua, que busca unir esforzos e sensibilidades para adaptala aos novos tempos e prestixiala entre as novas xeracións.
Así, animou a seguir traballando para contribuír á conservación deste universo cultural “inclusivo, plural e diverso” e puxo en valor a función do Consello da Cultura Galega como un órgano estatutario que, desde a súa creación, promoveu unha Galicia integradora que “defende a nosa cultura, o noso patrimonio e a nosa lingua e é excepcional se miramos ao conxunto das Comunidades autónomas”.