Nova: A Xunta lanza a primeira convocatoria de 2025 para apoiar o libro e a lectura

11/01/2025

A Xunta lanza a primeira convocatoria de 2025 para apoiar o libro e a lectura

 Xa está dispoñible no Diario Oficial de Galicia a orde para o programa ‘Ler conta moito’, que no último ano impulsou máis de 600 actividades

 A liña, dotada con 195.000€, está dirixida a colaborar cos concellos na programación de iniciativas de dinamización da lectura

 O catálogo de propostas publicarase o vindeiro mes e incluirá iniciativas como obradoiros, contacontos, exposicións ou charlas

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2025.- A Xunta de Galicia lanza a primeira convocatoria de 2025 para apoiar o libro e a lectura coa publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións dirixidas a concellos para a realización de actividades de animación en bibliotecas e axencias de lectura. Trátase do programa Ler conta moito, que durante o último ano impulsou máis de 600 propostas para todos os públicos.

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsa esta liña de axudas, dotada con 195.000€, dirixida a colaborar coas entidades locais que as soliciten e estean integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia. Para acadar estas achegas, os concellos contarán cun prazo de inscrición dun mes, a contar desde o vindeiro 15 de xaneiro e ata o seu peche, o 14 de febreiro, e as axudas que se reciban non poderán superar o 75% do gasto subvencionable.

Actividades nas bibliotecas para todos os públicos

O catálogo de Ler conta moito publicarase o vindeiro mes e incluirá actividades dirixidas a potenciar a imaxe das bibliotecas e fomentar a diversidade e o acceso igualitario á cultura con propostas que promoven a lectura, a escritura, a creación artística, a difusión da cultura e a lingua galega, a divulgación do coñecemento, o pensamento crítico a innovación ou a creatividade.

Deste xeito, inclúense iniciativas como obradoiros creativos, de narración oral como contacontos, exposicións ou charlas, propostas de divulgación literaria como encontros con autores, clubs de lectura e similares, así como outras de divulgación científica sobre temas de interese social ou cultural. Así mesmo, no catálogo tamén poden atoparse propostas do audiovisual como proxeccións, audicións, ciclos arredor do cine e a música, creación de contidos dixitais, proxectos de artes escénicas, exposicións ou roteiros para descubrir escenarios literarios, entre outros.

Comparte