Nova: A Xunta afianza a súa inversión no audiovisual galego con 3M€ para a nova convocatoria de axudas á produción de peliculas e series

13/01/2025

A Xunta afianza a súa inversión no audiovisual galego con 3M€ para a nova convocatoria de axudas á produción de peliculas e series

O importe achegado pola Administración autonómica medra un 20% para facer fronte aos fondos que antes procedían do Goberno central

As bases aprobadas no Consello contemplan maiores importes a cada tipo de proxecto e introdúcense criterios para reducir a discrecionalidade nas concesións

Mantéñense condicións para impulsar o uso do galego, a participación de mulleres en todos os ámbitos e o emprego de recursos e servizos de empresas do país 

Establécense cinco categorías de obras, segundo sexan longas de ficción e/ou animación, de tipo documental, longas en coprodución internacional con participación minoritaria española, curtas e series para televisión ou plataformas

O Consello da Xunta aprobou hoxe as bases e a próxima publicación, en réxime de concorrencia competitiva e con carácter plurianual, da nova convocatoria de subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos durante 2025, para as que destina unha dotación de 3.000.000 euros e afianza deste xeito con fondos propios a mesma contía final para esta liña de axudas que nos dous anteriores.

En 2023 e 2024, esta convocatoria, que é a principal canle de apoio directo ao sector, partiu inicialmente cunha dotación de 2,5 M€ e completouse despois con 500.000 euros adicionais procedentes do Goberno central polo reparto de créditos ás Comunidades autónomas como un dos eixos da Axenda Dixital España 2030. Agora, o executivo galego asume directamente esta cantidade adicional, o que supón un incremento do 20% no seu investimento.  

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude reafirma o seu compromiso con este sector relevante e estratéxico dentro do ámbito das industrias culturais, co obxectivo de fomentar a súa competitividade, fornecer un tecido empresarial capitalizado e innovador e acadar produtos de calidade con proxección interior e exterior. Estas axudas, xestionadas a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, forman parte do programa integral e continuado de apoio polo que se dota de financiamento ás empresas en todo o proceso audiovisual: promoción do talento na creación, preprodución, produción, difusión e comercialización.

Incrementos para cada tipo de proxecto

O aumento da dotación en convocatoria única permite tamén un incremento xeral dos importes máximos para cada proxecto. Así, por exemplo, nas longametraxes pásase correlativamente de 260.000 ou 280.000 euros (segundo sexan ou non en lingua galega) a 300.000 ou 320.000 euros; nas series para televisión ou plataformas, de 240.000 ou 260.000 euros pásase a 260.000 ou 280.000; e no caso das curtas en galega supéranse os 15.000 euros consignados ata agora para chegar aos 20.000 euros.

Na nova convocatoria establécese, ademais, unha dotación de fondos exclusiva para cada tipo de proxecto, coa finalidade de diminuír a discrecionalidade nas adxudicacións. As bases aprobadas hoxe, que se dirixen especificamente a produtoras audiovisuais independentes, reformulan tamén a tipoloxía de proxectos subvencionables, que quedan distribuídos en cinco categorías, segundo sexan longametraxes cinematográficas de ficción e/ou animación, de tipo documental, longas en coprodución internacional con participación minoritaria española, curtametraxes, ou series para seren emitidas por televisión ou plataformas baixo demanda.

Mantéñense condicións para impulsar o uso do galego, a participación de mulleres en todos os ámbitos e o emprego de profesionais, recursos e servizos de empresas galegas.  Os criterios de selección dos proxectos subvencionados continúan a estar moi relacionados co territorio en canto ás localizacións de rodaxe, os estudos ou os profesionais creativos, técnicos e artísticos implicados, pero tendo en conta ao mesmo tempo a calidade dos contidos e o seu potencial de circulación a nivel estatal e internacional.

Apoio continuado ao sector

Con esta dinámica, o Goberno galego buscar seguir sendo un axente determinante no financiamento do noso audiovisual para continuar co magnífico momento creativo e empresarial que está a vivir o sector. Ao tempo, dálle continuidade ao apoio extraordinario disposto no período 2021-2023 polo Hub da Xunta para reducir os efectos da pandemia e polas liñas específicas de axudas postas en marcha en 2023 e 2024.

Durante o actual 2025, tramitaranse oito liñas específicas dirixidas ao sector audiovisual, con especial relevancia da vindeira convocatoria destinada á atracción de rodaxes cunha dotación de 2 M€. Tres destas liñas xa están publicadas e en prazo de admisión ou resolución (festivais, videoxogos e laboratorios de creación ou residencias).

Os resultados obtidos a partir das convocatorias ao audiovisual galego de anos anteriores confirman o efecto dinamizador destas axudas noutros sectores económicos mediante o apoio a proxectos cada vez máis competitivos, moitos deles con importantes recoñecementos nacionais e internacionais. A través das axudas á produción e coprodución entre 2021 e 2024, foron 88 os títulos de produtoras galegas que resultaron beneficiaros dun total de 13,5 M€.

Comparte