Nova: López Campos recibe o novo presidente da asociación Videoxogo.gal para abordar o traballo conxunto a prol deste sector
14/01/2025
López Campos recibe o novo presidente da asociación Videoxogo.gal para abordar o traballo conxunto a prol deste sector
Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse esta mañá co novo presidente da asociación Videoxogo.gal, Rubén Calles, para abordar a situación actual do sector en Galicia, o seu potencial e as diferentes accións conxuntas para impulsar o seu desenvolvemento e profesionalización. Tamén participaron na xuntanza o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e Concepción González Agulla e Miguel Ángel Areán, vogais do devandito colectivo.
Entre as medidas analizadas, destacan a nova liña de axudas mediante a que a Xunta investirá 150.000 euros en novos proxectos de videoxogos galegos, apoiando as diferentes fases do proceso que vai desde a idea ata a chegada ao mercado; as subvencións para asistencia a feiras e foros de negocio especializados ou a recente incorporación ao Sistema Galego de Centros Museísticos do Museo do Videoxogo (Muvi), creado en 2020 en Cangas (Pontevedra).