Nova: López Campos destaca en Ribadavia o compromiso do Goberno galego coas dotacións culturais locais

15/01/2025

López Campos destaca en Ribadavia o compromiso do Goberno galego coas dotacións culturais locais

A Xunta de Galicia lanza a convocatoria pola que se destinan 550.000€ a axudar aos concellos a mellorar os fondos das súas bibliotecas e axencias de lectura

As entidades interesadas deberán formar parte da Rede de bibliotecas públicas de Galicia e enviar a súa solicitude entre o 22 de xaneiro e o 21 de febreiro

A orde encádrase no interese do Executivo autonómico por poñer en valor os equipamentos culturais en todo o territorio

Neste contexto, a Administración galega tamén vén de rematar a modernización da Biblioteca de Ribadavia ao abeiro dun convenio dotado con 56.000€

Ribadavia (Ourense), 15 de xaneiro de 2025

A Xunta de Galicia acaba de publicar a convocatoria pola que se destinan 550.000€ para axudar aos concellos a mellorar os fondos das súas bibliotecas e axencias de lectura. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita á Biblioteca municipal de Ribadavia, unha das entidades que poderán adherirse a esta orde de axudas para adquirir novidades editoriais, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo. 

Neste senso, o representante do Goberno galego puxo en valor o compromiso do Executivo autonómico para “impulsar e facilitar tanto a adquisición de novidades editoriais como outros materiais para as súas coleccións bibliográficas nos centros de titularidade municipal”. Unha acción, puntualizou, “que repercute directamente na cidadanía e no seu acceso ao coñecemento”.

Tal e como explicou López campos, a orde divídese en dous programas. Por unha banda, destínanse 200.000 euros para a compra de libros en galego en formato físico que estean editados entre setembro de 2024 e setembro de 2025. Deste xeito, a contía das axudas que corresponderá a cada entidade determinarase en función do número de habitantes de cada concello, repartíndose un máximo de 500 euros aos de menos de 2.001 habitantes, ata unha achega de 3.500 euros os de máis de 50.001 persoas.

Por outra banda, o segundo programa ten como finalidade posibilitar a mellora dos fondos bibliográficos que configuran as coleccións das bibliotecas públicas municipais de Galicia, para colaborar na súa actualización e mantemento, e dar resposta á demanda das persoas usuarias. Así, o Goberno galego dota esta liña con 350.000 euros para a compra de monografías, material sonoro, videogravacións, recursos electrónicos, partituras e material cartográfico.

Do mesmo xeito que o primeiro programa que se recolle nesta orde, as achegas repartiranse en función da densidade de poboación, cun máximo de 800 euros aos que non superen os 2.001 habitantes e unha subvención de ata 5.000 euros para aqueles que conten con máis de 50.001 habitantes.

Como requisito para acadar calquera destas axudas, que impulsa a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, as entidades interesadas deberán formar parte da Rede de bibliotecas públicas de Galicia e poderán enviar as súas solicitudes a partir do día 22 de xaneiro, ata o vindeiro 21 de febreiro, que se pechará o prazo.

Reforma na Biblioteca Municipal de Ribadavia

A publicación desta convocatoria responde ao compromiso do Executivo autonómico con poñer en valor as entidades culturais locais de todo o territorio. Así, en liña con esta premisa, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén vén de impulsar a reforma da Biblioteca municipal de Ribadavia ao abeiro dun convenio de colaboración co Concello dotado con 56.000€. 

Así, López Campos apuntou que esta intervención realizouse no marco “do noso compromiso coa modernización das infraestruturas a todos os niveis, para que a actividade cultural se desenvolva en toda a Comunidade nas mellores condicións”. Deste xeito, López Campos animou á veciñanza a “gozar das novas posibilidades que se abren na biblioteca coa renovación das instalacións” en concordancia cos plans da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para a actualización dos equipamentos e seguindo a liña da Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia.

Con esta actuación no espazo que ocupa a Biblioteca Municipal de Ribadavia no edificio da Casa da Cultura da localidade, procúrase poder xestionar de maneira máis efectiva todas as accións que se organizan desde este servizo contando cun lugar adecuado para expor a súa colección, unha área máis confortable para que as persoas usuarias realicen as súas actividades e para que mesmo o persoal poida desenvolver as súas tarefas de maneira máis cómoda.

Comparte