Nova: Teatro do Noroeste estrea en Santiago o espectáculo ‘Guerra’, producido con subvención da Xunta
16/01/2025
Teatro do Noroeste estrea en Santiago o espectáculo ‘Guerra’, producido con subvención da Xunta
Ofrecerá as súas primeiras funcións mañá e o sábado no Teatro Principal dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración con 41 concellos de toda Galicia
Eduardo Alonso é o autor e director desta proposta, que interpretan Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2025
A veterana compañía galega Teatro do Noroeste estrea esta fin de semana en Santiago de Compostela o seu novo espectáculo, Guerra, que poderá verse no Teatro Principal mañá venres e o sábado, ás 20,30 horas. A posta en escena desta montaxe conta cun dobre apoio por parte da Xunta de Galicia, que subvencionou a súa produción a través da convocatoria de axudas á creación escénica e contribúe á programación destas primeiras funcións por parte de Compostela Cultura no seo da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración con 41 concellos.
Así o explicou hoxe o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, durante a presentación desta proposta xunto ao director xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, e ao equipo artístico que encabeza Eduardo Alonso como autor e director. Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez son os intérpretes de Guerra, que conta así mesmo coa dirección musical de Bernardo Martínez, a escenografía e o vestiario de Carlos Alonso e a produción de Eva Alonso.
Primeira estrea de 2025 no circuíto autonómico
Na súa intervención, Sutil felicitou a Teatro do Noroeste por esta nova produción na súa dilatada traxectoria, que deu comezo en 1987 da man de Eduardo Alonso e Luma Gómez. Destacou, ademais, que a de Guerra será a primeira das nove estreas que acolle durante este semestre a Rede Galega de Teatros e Auditorios no marco da carteleira de 343 actuacións de teatro, música, danza, circo e maxia que despregará en diferentes espazos das 41 entidades locais asociadas.
O espectáculo traslada o público a un edificio teatral totalmente destruído por un bombardeo durante unha guerra desatada no mesmo corazón de Europa, no que comezan a aparecer personaxes de grandes obras do teatro universal que foran representadas no seu escenario ao longo dos anos. Con esta premisa e a través de innumerables referencias teatrais aos conflitos bélicos, desde Shakespeare ata Lorca, esta traxedia bota man da comedia e a ironía para reflexionar e concienciar arredor dos efectos das guerras ao longo da historia e na actualidade.
Sobre esta e outras cuestións xirará, ademais, o coloquio que o equipo do espectáculo manterá cos espectadores ao finalizar a función deste sábado no Teatro Principal, ao que a compañía regresará o 24 de maio para representar Gloria Nacional como parte do foco escénico que lle dedica esta temporada Compostela Cultura.
Tras a súa estrea, Guerra porá rumbo cara a Ribadeo, A Coruña e Narón, onde poderá verse o 2, 14 e 15 de febreiro, respectivamente, tamén como parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.