Nova: López Campos enxalza o relevante labor da Fundación Camilo José Cela na dinamización cultural de Galicia

17/01/2025

López Campos enxalza o relevante labor da Fundación Camilo José Cela na dinamización cultural de Galicia

Salienta a “importante tarefa de preservación, investigación e proxección” da obra e figura do Nobel galego ao longo de máis de 30 anos de existencia desta entidade

 Avanza unha programación especial para este 2025 polo 30 aniversario da concesión do Premio Cervantes ao autor de ‘La Rosa’ o ‘Mazurca para dos muertos’

Adianta que está prevista a organización dun coloquio internacional con periodicidade anual e a creación da primeira Residencia de Escritores en Iria Flavia

‘Madera de Boj’, a derradeira novela do autor, é protagonista da primeira exposición deste ano, con motivo da celebración do 26 aniversario da súa publicación

Padrón (A Coruña), 17 de xaneiro de 2015

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou hoxe o “relevante labor” da Fundación Pública Camilo José Cela “na dinamización cultural de Galicia”. Fíxoo durante a súa intervención na xuntanza ordinaria do Padroado desta institución, na súa sede en Iria Flavia, tras participar na ofrenda floral co gallo do 23 cabodano do pasamento do escritor padronés.

“Para a Xunta é unha fundación clave do sector público galego, que leva o nome e conserva o cuantioso legado do Premio Nobel galego, o que supón unha honra para Galicia e para cultura deste país”, aseverou López Campos. Nesta liña, salientou “a importante tarefa de preservación, investigación e proxección” da obra e da figura do escritor de Padrón que ten desenvolvido esta institución ao longo dos seus máis de 30 anos de existencia.

Así mesmo, destacou o valor das súas exposicións e actividades para difundir as  creacións e achegas literarias e culturais de Cela. Precisamente, indicou que “espertaron o interese de case 5.000 visitantes o pasado ano e a participación de preto de 1.800 escolares de centros escolares provenientes de toda Galicia”.

Neste senso, o responsable de Cultura do Goberno galego avanzou unha “intensificación” da programación e das actividades para este ano, coincidindo co 30 aniversario da concesión do Cervantes ao escritor padronés. Esta data, segundo explicou, será  o “fío condutor” das principais liñas de actuación deste 2025. En concreto, adiantou que con esta celebración se “procurará recuperar a súa parte máis literaria e conxugala coa súa vertente máis innovadora”.

Coloquio internacional e Residencia Literaria en Iria Flavia

Ademais da celebración desta data, López Campos tamén apuntou que se ten previsto organizar este ano o primeiro coloquio internacional sobre a figura de Cela “con obxecto de que teña unha periodicidade anual”. Esta acción verase complementada co lanzamento da primeira Residencia de Escritores, con sede na fundación en Iria Flavia, e coa celebración dun Encontro literario, “coa intención de que se converta no principal foro de debate en Galicia sobre o estado actual do panorama literario”.

Finalmente, co gallo de que este ano se están a rematar os actos do 25 aniversario do cabodano de Gonzalo Torrente Ballester, o titular de Cultura avanzou que se realizará unha xornada-coloquio sobre periodismo e literatura xunto coas fundacións do escritor ferrolán e a de Carlos Casares, “que poderá ser replicada en outras sedes, como a Biblioteca Nacional de España”, indicou.

‘Madera de boj’, protagonista da primeira exposición de 2025

Tras a xuntanza do Padroado, o conselleiro visitou a primeira exposición deste ano da Fundación Camilo José Cela para conmemorar o 26 aniversario da publicación de Madera de boj, a derradeira novela de Camilo José Cela. A mostra ofrece a xénese da súa creación e a relación do escritor coa Costa da Morte, comarca na que residiu para documentarse. Esta obra comezouna a perfilar a principios dos anos 80 co obxecto de completar a triloxía galega que iniciara con La Rosa e Mazurca para dos muertos.

A exposición, que estará aberta na sede da Fundación en Iria Flavia ata marzo, reúne un conxunto de 75 pezas, no que destaca numeroso material de traballo utilizado polo escritor e o feito de que gran parte del exhíbese nesta mostra por primeira vez. 

Comparte